DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle unha xornada sobre a procura de emprego na UE

Vigo, unha porta cara Europa

A Universidade posiciónase á vangarda da mobilidade internacional en Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 17/04/2012
En 2010-2011, 704 alumnos e alumnas da Universidade de Vigo cursaron parte dos seus estudos no estranxeiro, unha cifra que reflicte a clara aposta da institución pola internacionalización en todas as súas vertentes. Esta experiencia previa alén das nosas fronteiras servirá como unha base de gran valor para todos aqueles que queiran buscar unha oportunidade laboral na Unión Europea nun contexto como o actual, de fonda crise económica. Precisamente este é o obxectivo da campaña de comunicación promovida pola Secretaría de Estado da UE, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea, que estes días iniciou en Vigo a súa singradura polo territorio español. Baixo o lema Yo no me paro, a campaña de sensibilización trata de axudar a mozos e mozas a atopar traballo a través da divulgación de programas europeos de emprego e formación.

Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación reuniron a un nutrido grupo de universitarios para darlles a coñecer todas as posibilidades que a UE lles ofrece, tanto con bolsas de estudo no estranxeiro ou de idiomas como de programas de emprego como Youth on the move e New Skills for a new jobs. Para iso contaron coas achegas da conselleira Eures da Universidade, Emilia Seoane; da responsable de Relacións Institucionais do Parlamento Europeo, Mercedes Ros e Ferrán Tarradellas, en representación de la Comisión Europea en España. Xunto con eles amosaron as alternativas que ofrece Europa varios investigadores e responsables de centros da Universidade como Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación ou Fernando Pérez, director de Gradiant. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a calidade da formación universitaria recibida polos estudantes e remarcou que Vigo é tamén un nicho de emprego e unha oportunidade de futuro. Exemplos como o picosatélite XaTcobeo “demostran o nivel da formación e da investigación que se fai aquí”. Con todo, o rexedor subliñou que unha estadía no estranxeiro “enriquece e achega calidade” ao currículo, nunha época na qonde a globalización marca as pautas.

Formación e idiomas, punto de partida

Ao longo da xornada, os asistentes puideron atopar resposta ás súas dúbidas e inquedanzas sobre o idioma, os trámites para solicitar un emprego no estranxeiro, os programas ou os currículos. A responsable de Relacións Institucionais do Parlamento Europeo, Mercedes Ros, subliñou a vantaxe competitiva de ser bilingües e cantidade de portas que abre o galego, xa que “unha mentalidade bilingüe facilita moito a aprendizaxe dun terceiro idioma”. Ros animou aos estudantes a probar sorte no estranxeiro pero subliñou que que non se trata que “queiramos que marchedes, senón que vos animamos a que vos nutrades fóra, para volver logo cun perfil máis rico e variado”. Neste sentido o alcalde destacou que a formación universitaria “antes era unha garantía de prestixio e éxito, agora é unha condición básica, pero non é a única, hai que traballar máis aspectos”, como idiomas, formación complementaria, flexibilidade xeográfica, etc.

A Universidade aposta pola internacionalización

Segundo os datos achegados neste acto, froito dunha enquisa realizada en España en febreiro deste ano, 9 de cada 10 vigueses coñece o programa de mobilidade europea no eido da formación máis senlleiro, o Erasmus. De feito, os datos da Universidade amosan que non se trata só de coñecemento, senón de implicación, aumentando ano tras ano as cifras de mobilidade internacional da institución. Segundo o vicerreitor de Relacións Internacionais, pese ao contexto de profunda crise económica, a Universidade segue a incrementar o seu nivel de internacionalización: dos 164 estudantes da Universidade enviados ao estranxeiro no curso 1998/1999, pasouse por exemplo aos 549 no 2006/2007 e a superar neste curso os 700. Isto é “algo que se está a acadar grazas á participación en novos proxectos europeos e a apertura de novas vías de cooperación con países e institucións non comunitarias, especialmente de América Latina e Asia”.

Entre os asistentes a opinión é case unánime: están maioritariamente dispostos a buscar no mercado laboral europeo o que España non lles ofrece. Pero a enquisa desvela datos relevantes como que máis do 60% dos mozos vigueses non se arrepinte dos estudos cursados e volverían a elixilos, sendo os máis predispostos a adaptarse ao mercado laboral, reciclándose e actualizando os seus coñecementos.