DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor recolleu o galardón outorgado pola corporación municipal con motivo do bicentenario da cida

Vigo recoñece o impresionante espazo de coñecemento, ensino e desenvolvemento tecnolóxico creado pola Universidade

Citroen, Porto, Caixanova, Faro de Vigo ou o Celta foron outras entidades e empresas recoñecidas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/10/2010
É a máis nova das institucións que neste 27 de outubro no que se cumpre o bicentenario da cidade de Vigo recibiu o recoñecemento da corporación municipal por ser un “exemplo de cooperación e traballo”. Características que a Universidade de Vigo comparte coas outras nove entidades e empresas que este mércores se deron cita sobre o escenario do Auditorio Municipal para recoller de mans do alcalde de Vigo, Abel Caballero, unha réplica da escultura de Silverio Rivas que desde hoxe preside a Praza do Bicentenario, unha oliveira metálica cos nomes das 23 parroquias viguesas gravadas en cada unha das súas pólas.

Na súa intervención ante unha ampla representación dos sectores político, social e económico vigués, Abel Caballero, destacou que a Universidade de Vigo “é hoxe un impresionante espazo de coñecemento, de ensino e de desenvolvemento tecnolóxico das distintas áreas da sociedade moderna”, ao tempo que sinalou que a pesar da súa mocidade “foi quen de dinamizar e consolidar os seus diferentes campus ata converterse nunha das apostas fundamentais da tripla hélice local”. Pola súa banda o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, encargado de agradecer os galardóns en nome de todos as entidades e empresas recoñecidas, destacou pola súa banda o nivel do ensino que se imparte nas aulas da institución académica viguesa “ que garante a excelencia e a calidade nas empresas a nivel nacional e internacional”.

Dez institucións e empresas comprometidas coa historia e o futuro de Vigo

Xunto á Universidade de Vigo, Caixanova, Faro de Vigo, Grupo RadioVigo, Celta de Vigo, Porto de Vigo, PSA Peugeot Citroen, Zona Franca e o naval e o sector pesqueiro- Cooperativa de Armadores, recibiron cadanseu galardón no día no que a cidade de Vigo cumpre douscentos anos do seu nomeamento por Fernando VII como “cidade fiel, leal e valerosa” tras converterse na primeira urbe española en expulsar aos invasores franceses. Unha referencia histórica coa que comezou a súa intervención Abel Caballero que repasou no seu discurso algúns dos fitos máis significativos da cidade que asegurou “ten a súa forza nos seus moradores” e en valores como “a solidariedade, a constancia ou a creatividade”. Caballero destacou a relevancia de cada unha das institucións e empresas galardoadas asegurando que o Celta era “o emblema do deporte”; Caixanova “ o brazo financeiro de Galicia”; Faro de Vigo e Radio Vigo Grupo de Comunicación “os piares do Vigo moderno”; o Porto “un factor clave para a cidade”; o sector naval “ o pulmón da industria”; Citroen “o motor de Vigo” e Zona Franca “ o eixo estrutural da cidade”.

No caso da Universidade de Vigo, o alcalde ademais de destacar que se converteu “nunha das apostas fundamentais da tripla hélice local”, asegurou que a cualificación de Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional “vén a ratificar unha traxectoria chea de méritos propios que abre as portas a nosa universidade para ser un espazo competitivo e fortemente activo no entorno global e para garantir futuros éxitos do coñecemento e desenvolvemento da nosa cidade”.

En nome dos galardoados foi o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, quen trasladou o agradecemento de todas as institucións e empresas que recibiron o recoñecemento da corporación municipal de Vigo. Entidades que segundo Gayoso “a historia de Vigo non se entende sen elas” . Gayoso manifestou a gratitude de todos “por un traballo que facemos día a día para contribuír ao progreso da cidade” e asegurou que o galardón “nos esixirá máis compromiso para o futuro”.

Unha responsabilidade para a Universidade de Vigo

O galardón recibido hoxe pola Universidade de Vigo supón segundo o seu reitor, Salustiano Mato, “unha responsabilidade á que daremos resposta”. Para Mato este recoñecemento a unha institución que apenas ten dúas décadas de existencia, significa ademais ”dunha honra, a súa entrada na historia da cidade, dándolle valor de fito histórico á súa creación hai agora 20 anos”.
Mato que lembrou a mocidade da Universidade de Vigo asegurou que isto non é un lastre para que a institución sexa parte activa “dunha contorna coa que compartimos unha mesma enerxía que nos empurra a vivir o día a día na procura dun futuro mellor para a nosa comunidade a través da docencia, da transferencia de coñecemento e da implicación no tecido socioeconómico”.

Vigo festexa o seus 200 anos

O actos de celebración do bicentenario de Vigo comezaron este mércores coa inauguración da Praza do Bicentenario na confluencia das rúas Camelias, Venezuela e Blein Budiño. Trala gala de entrega de recoñecementos ás entidades e colectivos de Vigo celebrada este mediodía no Auditorio Municipal, os actos rematarán cun concerto conmemorativo a cargo da Coral Casablanca no Auditorio do Centro Cultural Caixanova.