DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A VII edición do curso Deporte, Empresa e Sociedade, xermolo dun futuro mestrado

Deporte, turismo e medios de comunicación, á análise entre o 28 e o 30 de outubro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 21/10/2009

Os medios de comunicación, os espectáculos deportivos e os produtos turísticos son tres sectores que camiñan da man. De feito, as actividades deportivas e turísticas conlevan unha importante vertente empresarial e económica. E os medios de comunicación acadan tamén un protagonismo significativo á hora de promocionar destinos turísticos.
Todas estas cuestións centrarán unha nova edición, a sétima, do curso de Extensión Universitaria Deporte, Empresa e Sociedade, organizado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e que se presentou hoxe na Aula Socio-Cultural de Caixa Galicia. O curso terá lugar os días 28, 29 e 30 de outubro no Edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense, e no mesmo poden participar tanto os alumnos da Universidade como o público en xeral.
No campo do turismo e do deporte hai aínda moito por facer e por achegar, e así o subliñou José Antonio Fraiz na súa intervención. Por iso, e segundo afirmou, “este curso pode ser o xermolo dun novo posgrao na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, un mestrado en Xestión do Deporte”. Este mestrado é aínda un proxecto, “pero é probable que o poidamos ofertar a curto prazo, porque cremos que hai unha deficiencia na xestión do deporte, e o que ten que facer unha Universidade é, precisamente, cubrir esas deficiencias do coñecemento”, sinalou.

Destacados relatores para un curso con gran aceptación

A conferencia inaugural curso correrá a cargo de José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que falará sobre as Liñas estratéxicas para o fomento do deporte en Galicia. O contido do curso inclúe relatorios e mesas redondas impartidas por profesores e investigadores especialistas no tema. É o caso da que ofrecerá o xornalista Iain Rogers, da axencia Reuters, e que versará sobre A información deportiva nun contexto global. Será o día 28 de outubro ás 13.00 horas. O propio Iain Rogers participará tamén nunha mesa redonda sobre Os medios de comunicación e o deporte, prevista para ese mesmo día ás 16.00 horas, e na que tamén intervirán Paco González, xornalista da Cadena Ser, e José Luis Díaz, do xornal La Región. Outra presenza internacional no curso é a do profesor Sean Hamil, da Universidade de BirkBeck (Reino Unido), que falará no curso sobre A responsabilidade social corporativa no fútbol: Unha perspectiva europea. Será o venres, 30 de outubro, ás 11.00 horas.
O curso está dirixido polos profesores Ángel Barajas, Patricio Sánchez e José Antonio Fraiz. que destacou na presentación que se trata "dun curso moi consolidado e que ten unha gran aceptación entre o alumnado”. Para os alumnos, e segundo José Antonio Fraiz, o curso ten o atractivo dos créditos de libre configuración, “pero tamén é un complemento de formación que encaixa coas titulacións que temos na facultade, como son o grao e o posgrao en Turismo, e tamén con Empresariais”. Pola súa banda Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou o éxito que acada o curso en tódalas súas edicións, xa que sempre se cobren as oitenta prazas previstas para o mesmo. E destacou tamén “o gran labor investigador que a Universidade de Vigo está a levar adiante neste campo, un traballo que fai do campus de Ourense un referente a nivel nacional”.

A relación dos medios de comunicación co deporte e o turismo

Os valores do deporte no mundo empresarial, as apostas deportivas en España, os escándalos derivados da dopaxe na imaxe das marcas patrocinadoras e un obradoiro sobre A comunicación eficaz no deporte son outras cuestións que se abordarán nun curso onde os medios de comunicación teñen tamén un protagonismo relevante. De feito, o curso inclúe unha mesa redonda sobre O sector audiovisual e a promoción turística de Ourense e unha conferencia sobre Promoción de destinos turísticos a través do cine, o 29 de outubro.
Ramón Barba, subdirector do Consello Superior de Deportes do Goberno de España, impartirá a conferencia de clausura na que falará sobre O modelo deportivo en España: Situación institucional. O curso rematará dedicando a tarde do venres, 30 de outubro, a actividades turísticas, culturais e deportivas na Ribeira Sacra.