DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas Xornadas de Investigación Campus Crea

Unha vintena de estudantes de doutoramento poñen en común as súas liñas de traballo

Recollidas nos pósters que poden contemplarse na EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/11/2023

Un total de 21 investigadores e investigadoras noveis, a maior parte alumnado de diferentes programas de doutoramento do campus, presentaron este venres as súas liñas de traballo e as primeiras conclusións dos seus estudos nas Xornadas de Investigación Campus Crea. Promovidas pola Vicerreitoría do campus, co patrocinio do Consello Social, esta iniciativa levou aos e ás participantes a expor, nunha serie de intervencións breves, “en que consiste a súa investigación, en que estadio se atopa e as conclusións ás que chegaron, aínda que sexan iniciais”, como explica a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. Estas recóllense á súa vez nos pósters realizados polos investigadores e investigadoras, que permanecerán expostos ata o vindeiro xoves 30 na Escola de Enxeñaría Forestal.

O obxectivo destas xornadas, explica Fernández Souto, é “dar a coñecer as investigacións que se están a desenvolver no campus, especialmente nas áreas vinculadas coa creatividade”. Ao mesmo tempo, supoñen tamén “unha oportunidade para os investigadores noveis” á hora de enfrontarse tanto á exposición pública dos seus traballos, como a ser quen de plasmalos nun póster, un dos formatos máis habituais de participación en congresos e encontros científicos. Aberta “a calquera tipo de investigación”, tanto de alumnado de doutoramento como de mestrado, trátase da edición destas xornadas con maior número de participantes, un total de 21. “É algo moi positivo, no sentido de que a investigación no campus está crecendo e tamén un indicio de que as xornadas están consolidándose”, salienta Fernández Souto, que destaca a participación de diferentes estudantes do doutoramento do Campus Crea que, nalgúns casos, “viñeron de fóra de Galicia ou de España a facer as súas presentacións”.

Diversidade de áreas e temáticas

Orientadas principalmente, como sinalou Fernández Souto, a “promocionar a investigación que se fai no campus”, entre as e os participantes figuraban estudantes dos doutoramentos en Creatividade e Innovación Social e Sostible, en Creación e Investigación en Arte Contemporánea ou en Equidade e Innovación en Educación, mais tamén participaron investigadores e investigadoras doutros campus, “que dalgunha forma ou outra están vinculados ao de Pontevedra”, como explica a coordinadora desta actividade. Isto contribuíu á que nesta xornada se presentasen estudos de diferentes áreas de coñecemento e de temáticas moi variadas. Así, entre os proxectos expostos atopábanse estudos sobre o uso de xogos e xoguetes STEM nas aulas desde unha perspectiva de xénero, sobre proxectos innovadores de inclusión educativa ou sobre a pedagoxía do decrecemento. Tamén houbo espazo para coñecer investigacións sobre o uso de datos obtidos con radar na avaliación de infraestruturas, sobre a representación das mulleres no deseño de algoritmos de intelixencia artificial, sobre o uso de fungos na xestión da pragas ou sobre a eliminación de colorantes en tecidos de algodón. Así mesmo, a utilización dos residuos urbanos como materia pictórica, o clima educativo nos centros universitarios onde se imparte Fisioterapia, unha investigación sobre os parasitos que afectan ao ourizo de mar ou o deseño dun protocolo de detección da discalculia, un transtorno da aprendizaxe, formaban parte tamén da vintena de investigacións que as e os participantes puideron compartir nesta xornada.