DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha visita a Tecnópole desvelou aos estudantes a súa innovadora dinámica de traballo

Organizada pola Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 29/05/2009

Nos tempos que corren atopar empresas e institucións que manteñan o seu nivel de éxito habitual e que se caractericen pola súa actitude innovadora é tarefa complicada; pero cando se encontra unha organización que cumpre estas condicións todo o mundo quere coñecer os seus segredos e comprobar como traballano día a día. Dende a Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo achéganse ata a realidade empresarial coa organización de visitas que teñen como obxectivo “subministrar aos alumnos referencias de institucións destacadas no seu ámbito de traballo”, explica Ana Gueimonde, directora da cátedra. Ademais este tipo de actividades tamén contribúen “ao crecemento persoal e profesional do alumnado, así como a espertar o seu espírito emprendedor”.
A última destas excursións levou aos estudantes ata o Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, onde puideron descubrir a dinámica innovadora que se está a desenvolver ao redor deste eixo, “visitamos algúns dos centros tecnolóxicos que alí se sitúan, coñecemos as perspectivas de futuro do parque e as novas institucións que medran nos seus niños empresariais”, relata Gueimonde . A visita comezou polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) e a continuación pasaron ao Centro Tecnolóxico da Carne, unha fundación que pretende dinamizar e mellorar a capacidade competitiva do sector agroalimentario e na que se atopan as instalacións do CACTI do campus. A continuación Sabela Bouzo, técnica de Proxectos de Tecnópole, encargouse de explicar e dar a coñecer o parque e para rematar celebrouse unha mesa redonda de emprendedores na que participaron Miguel Castro de Enyiris, Óscar Outumuro de Sonen, José Antonio Losas de Conexiona Telecom e Sonia Pérez de Raisin D’Or, representantes de catro empresas de Tecnópole relacionadas co sector das TIC, a enxeñería e a biotecnoloxía.

Próximos eventos

Rural + e Sarreaus na aldea de Couso Galán, Coren e o Grupo Cuevas son empresas de referencia en Galicia que xa recibiron a visita de estudantes do campus grazas á cátedra. Para rematar o curso só resta unha excursión que se celebrará o 10 de xuño, o destino dos visitantes será desta vez Faurecia.
Ademais deste tipo de actividades, que pretenden fomentar o espírito e a vocación emprendedora no campus, a Cátedra Bancaja tamén quere potenciar a actividade investigadora neste campo; perseguindo este último obxectivo ven de abrir a convocatoria para a presentación de estudos sobre emprendemento cuxo prazo de entrega rematará o 8 de xuño. Estas axudas anuais irán destinadas a investigadores da Universidade de Vigo que queiran realizar un estudo sobre este ámbito con acreditada calidade e utilidade social, valoraranse preferentemente aqueles traballos que teñan como tema principal a promoción do emprendemento en relación co mercado de traballo, coa educación, no sector feminino, coa innovación, en Galicia ou o seu desenvolvemento no mercado local e a creación de empresas e o autoemprego.