DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As escritoras Estíbaliz Espinosa e Dores Tembrás reflexionaron sobre a poesía de muller e a poesía f

Voces de muller para abrir o 5º Ciclo de Escritores na Universidade

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo inaugurou as xornadas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 07/10/2010

Enténdese, por defecto, que a literatura feita por mulleres é literatura feminina, “pero non podemos entender que a literatura feita por homes sexa machista”, explica a poetisa Estíbaliz Espinosa, sen deixar de referirse a que “non son dous termos en pé de igualdade”. Con esta reflexión comezou a súa intervención na primeira das mesas redondas do Ciclo de Escritores na Universidade que este xoves botou a andar na Facultade de Filoloxía e Tradución.

Inauguradas polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, estas xornadas van xa pola súa quinta edición achegando o panorama literario galego á comunidade universitaria e ao público en xeral. Esta primeira quenda estivo centrada na Poesía de muller. Poesía feminista e dará paso a unha segunda xornada sobre A narrativa galega recente e rematará cun debate sobre Novas artes literarias: o video-poema.

Anxo Lorenzo agradeceu á Asociación de Escritores en Lingua Galega, impulsora xunto coa facultade deste ciclo, “o seu traballo e esforzo por manter viva esta iniciativa” e ofreceu a permanente colaboración da Secretaría Xeral para “poder seguir nos tempos tan difíciles que temos por diante a nivel orzamentario”. Lorenzo agradeceu tamén a implicación da que a súa compañeira do Departamento Filoloxía Galega e Latina e directora do mesmo, Camiño Noia.
A decana do centro, Rosa López e o representante da AELG, Francisco Castro, coincidiron en resaltar a importancia deste tipo de iniciativas para visibilizar “e poñer nun primeiro plano aos escritores e escritoras galegos”.

É necesariamente a poesía de mulleres poesía feminista?

Ser muller e ser escritora son dúas características que non teñen por que desembocar en literatura feminista e así o sostivo a poetisa Estíbaliz Pereira. “Son escritora e son feminista, pero coido que os meus textos están lonxe de clixés”. Con ela compartiu mesa nesta primeira xornada do ciclo a tamén poetisa Dores Tembrás, ambas presentadas polo profesor e escritor Anxo Angueira, que salientou o especial da literatura galega porque “o noso escritor nacional é unha escritora, Rosalía de Castro, e moi poucos países do mundo poden dicir o mesmo”. Con todo, segundo Angueira a incorporación completa da muller ao mundo literario non foi ata as últimas dúas décadas, “sobre todo na poesía, aínda que non tanto en narrativa e teatro”. O profesor lembrou que en Galicia as mulleres asumiron o protagonismo, “non só por número senón por calidade”.

Á matriz que representa Rosalía para a literatura feminina referíronse as autoras lembrando que rompeu barreiras e tópicos sobre a literatura de mulleres para mulleres. Para Estíbaliz Pereira existe unha cadea, ata certo punto lóxica, que establece que a muller ten que ser feminista polo feito de escribir “pero ese non é o leit motiv da miña obra, senón que o fin é a excelencia”. Para a gañadora do premio Esquío con Pan, “o binomio poética+feminismo= é unha ecuación aínda por resolver; eu son poeta e feminista” pero o resultado debe ser unha obra feminista? Para Angueira “hai tantos feminismo como discursos” pero á forza unha escritora é feminista porque é un mundo dominado por homes cun imaxinario masculino e patriarcal”.

Próximas xornadas

A lectura de poemas de ambas escritoras puxo punto final á primeira xornada desta quinta edición do ciclo, que se retomará o vindeiro 21 de outubro arredor da Narrativa galega recente coa presenza de Xosé Monteagudo e Begoña Caamaño presentados por Camiño Noia e rematará o 4 de novembro cunha mesa sobre Novas artes literarias? O vídeo poema á que asistirán Lara Bacelo e María Lado da man do profesor Manuel Forcadela.