DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os 25 estudantes de intercambio do campus xa regresaron aos seus países de orixe

De volta a casa con moi bos recordos de Ourense

Amósanse altamente satisfeitos do seu paso pola Universidade de Vigo e pola cidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 23/06/2011
Chegaron ao campus de Ourense en xaneiro coas inquedanzas lóxicas de trasladarse a un vivir a outro país, en moitos casos con outro idioma, e continuar os seus estudos universitarios nun novo contexto educativo. Os meses pasaron axiña e os 25 alumnos de intercambio que durante este cuadrimestre estudaron no campus ourensán xa regresaron aos seus países de orixe. Consigo levan moitos recordos, tanto do ámbito académico coma do persoal, e unha experiencia que todos aseguran que recomendan.

“Para min foi unha experiencia positiva desde todos os puntos de vista: unha nova cultura, unha cociña nova e moitas cousa diferentes que coñecer. Todos, compañeiros e mestres, levabámonos ben e aprendemos moito traballando en grupo. Todo foi fermoso e inesquecible”, comenta a estudante Alina María Rac xa desde o seu fogar en Romanía. Por este motivo quere agradecer especialmente aos compañeiros e docentes toda a axuda prestada durante os seus meses en Ourense. Na mesma liña, Raquel Marrafón, estudante sudamericana, salienta que “estou moi contenta de pasar pola Universidade de Vigo, a miña vida Erasmus permitiume coñecer xente de todas as partes do mundo, ademais de españois”.

Se os estudantes de intercambio se amosan satisfeitos coa súa estadía no campus o sentimento é recíproco e pouco antes de marcharse María Lameiras, vicerreitora do campus, quixo despedilos agradecéndolle o seu paso por esta Universidade e felicitándoos polo traballo realizado. A vicerreitora tamén aproveitou a ocasión para lembrarlles que aqueles que desexen seguir os seus estudos no campus de Ourense realizando un mestrado poden solicitar unha das dez bolsas que ofrece o programa Ourense Exterior, unha iniciativa da Deputación Provincial de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Coma na casa

Os 25 estudantes que este cuadrimestre estiveron no campus ao abeiro de programas de intercambio, como Erasmus e Erasmus Mundus, e grazas a convenios bilaterais da Universidade de Vigo con outros países, xa están agora de regreso nos seus países de orixe, como son Alemaña, Romanía, Portugal, Arxentina e Brasil. Segundo nos comenta Ana Alves Lourenço, técnica no campus de Ourense da Oficina de Relacións Internacionais, “os estudantes de intercambio leváronse moi boa impresión da Universidade de Vigo, dos compañeiros, dos mestres e da cidade, pois todos colaboraron para que se sentiran coma na casa e se integrasen ben”.

Ana Alves foi a encargada de orientalos e apoialos na súa estadía en Ourense, unha tarefa na que lle foi moi útil, ademais dos seus coñecementos, a súa experiencia persoal. Ela mesma chegou o curso pasado á Universidade de Vigo como alumna de intercambio Erasmus e este curso continúa nela como estudante do programa Erasmus Prácticas, que lle permite facer no campus de Ourense as prácticas preprofesionais dos estudos de Asesoría e Tradución que está a cursar no Instituto Politécnico de Porto.