DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante as I Xornadas Multidisciplinares Universidade-Centro Penitenciario: Construíndo Pontes

Voluntarios e asociacións amosan o seu traballo no cárcere para rachar tópicos e prexuízos

O obxectivo desta iniciativa é estreitar os lazos entre a prisión e a sociedade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/10/2012

A semana pasada a colaboración entre o campus de Ourense e o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar botou a andar cun programa de actividades que tivo como escenario a propia prisión. Este luns as actividades trasladáronse ao Edificio de Facultades. Nel déronse cita organizacións non gobernamentais e de voluntariados para, amosando o traballo que realizan cos reclusos e ex reclusos, contribuír a rachar os tópicos que rodean a estes colectivos e mellorar a súa reinserción social.

A cita enmárcase dentro das I Xornadas Multidisciplinares Universidade-Centro Penitenciario: Construíndo Pontes e celébrase no campus de Ourense ata o día 3 de outubro. Durante a súa celebración expertos do eido universitario e tamén penitenciario afondarán en aspectos como o dereito penal ou o papel das organizacións non gubernamentais, do voluntariado e dos educadores e traballadores sociais nos ámbito das prisións. María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Silvia Alonso, directora do centro penitenciario, foron as encargadas de inaugurar a primeira sesión este luns destacando o frutífera que está resultado a experiencia de abrir canles de colaboración entre as dúas entidades.

“Despois de tanto tempo de traballo é para nós unha satisfacción que estas xornadas vexan por fin a luz e que a mensaxe de construír pontes entre universidade e centro penitenciario sexa unha realidade que nos enriqueza a todos”, destacou María Lameiras durante a inaguración das sesións. Con estas xornadas, explicou Silvia Alonso, dáse un paso máis no reto de amosar o descoñecido traballo que realizan profesionais, voluntarios e todo tipo de entidades dentro das prisións e conseguir así minguar os prexuízos e tópicos que existen arredor do funcionamento deste tipo de centros e dos reclusos. “Non somos algo pechado, que teñamos que estar apartado do resto da sociedade, todo o contrario, traballamos para tender pontes coa sociedade”, salientou a directora de Pereiro de Aguiar.

Saír da burbulla e voltar á sociedade

Trala inauguración oficial, na primeira sesión de traballo o tema abordado foi o papel das organizacións non gubernamentais e do voluntariado no ámbito penitenciario. Na mesa, baixo a moderación do docente José María Failde, estiveron Raquel Crespo, coordinadora de Programas de Apes; Víctor Feijóo, educador do Comité Cidadá Antisida; Pablo Villarino, responsable do Plan de Saúde de Cruz Vermella; Patricia Pérez, coordinadora da CTI do Proxecto Home, e Alexandre Silva, responsable do programa para persoas adultas e ex reclusas con discapacidade intelectual de Fademga.

“Todas as persoas temos o dereito á oportunidade de cambiar”, dixo Raquel Crespo como resumo da filosofía que move aos voluntarios e organizacións que traballan na reinserción dos presidiarios. Como exemplo deste traballo, a coordinadora explicou os dous programas que levan a cabo desde a súa asociación en Pereiro de Aguiar e que intentan axudar aos reclusos no delicado momento de volver á sociedade, “no momento de saír da burbulla que é a prisión e darse conta de que a sociedade seguiu funcionando ese tempo e o segue a facer á mesma velocidade que antes”. Problemas familiares, perda de hábitos e habilidades, baixa formación e cualificación profesional e un longo etcétera de problemas dificultan a súa reinserción e fan preciso, advertiu, o traballo social e educador con eles.

Coa celebración destas xornadas multidisciplinares dáse continuidade á primeira programación conxunta froito do traballo dunha comisión multidisciplinar creada entre o campus e a prisión ourensá para traballar no desenvolvemento de liñas de colaboración. Dentro desta programación xa se celebrou no centro penitenciario un concerto o Coro Universitario do Campus de Ourense, baixo a dirección de Xavier Álvarez; unha representación da Aula de Teatro de Maiores; e un video-forum, coordinado polo docente Pablo Raúl Bonorino e no que participaron unha vintena de estudantes.