DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula arrancou este martes e prolongaranse de finais de maio ata setembro

Volven os cursos de verán e veñen cargados de literatura, tecnoloxía, patrimonio, termalismo…

Haberá actividades no campus, en Redeiras e en lugares clásicos como Vilafranca do Bierzo ou Chaves

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
D. Besadío DUVI 25/04/2023

Para todos e todas aquelas que xa queiran ir planificando o verán e enchendo de actividades as súas axendas, a Universidade de Vigo abriu este martes a matrícula dunha nova edición dos cursos de verán. No caso do campus de Vigo propóñense cinco alternativas de formación e lecer abertas ao público en xeral nas que se combinan opcións xa clásicas como os cursos sobre Patrimonio natural e cultural do Bierzo, Termalismo e cosmética termal ou elaboración dun satélite con novas propostas: un curso sobre literatura rusa dos séculos XIX e XX e outro pensado especificamente para facerse cos ‘puntos cardinais’ da práctica profesional da tradución.

Con prezos que van desde os 35 ata os 100 euros, dependendo do curso, a comunidade universitaria e os diferentes colectivos vinculados á Uvigo poderán beneficiarse de diferentes descontos.

Leccións de literatura rusa dos séculos XIX e XX

O primeiro curso en pórse en marcha será Leccións de literatura rusa dos séculos XIX e XX, unha actividade que chega da man do profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Manuel Ángel Candelas Colodrón e que se levará a cabo no edificio Redeiras do 29 de maio ao 22 de xuño. Con inscrición aberta ata o 12 de maio, este seminario pretende ofrecer unha visión ampla da literatura rusa dos séculos XIX-XX, integrada no seu contexto histórico-cultural. Centrarase principalmente nas biografías dalgúns dos autores máis destacados desta época (Pushkin, Gogol, Dostoevski, Tolstói, Chejóv, Nabokov, Bulgakov). Crime e castigo, Ana Karénina ou Doutor Zhivago, son só algúns dos títulos que aparecen no programa e aos que poderán achegarse as e os asistentes. A duración do curso é de 32 horas –de luns a xoves de 11.00 a 13.00 horas-.

Patrimonio natural e cultural do Bierzo

O seguinte curso será o de Patrimonio natural e cultural do Bierzo, que este ano se levará a cabo do 7 ao 9 de xullo en Vilafranca do Bierzo, León, baixo o título Sen ciencia non hai futuro. Dirixido pola profesora Josefina Garrido, os asistentes poderán coñecer nesta actividade o patrimonio natural do Bierzo e o seu importante papel na Reserva da Biosfera dos Ancares. Cunha duración de 30 horas, o programa inclúe unha visita guiada ao Museo de Ciencias Naturais e Etnográficos do PP. Paules de Vilafranca, así como unha saída ao campo: De Peñalba a Montes: a pegada romana e monástica no núcleo da Tebaida. O prazo de inscrición estará aberto ata o 21 de xuño.

Compás para tradutores e tradutoras

Unha das novidades desta edición é o curso Compás para tradutores e tradutoras: catro puntos cardinais da práctica profesional. Impulsado polo profesor Óscar Ferreiro será do 17 ao 21 de xullo na Facultade de Filoloxía e Tradución e nel contarase coa participación de múltiples profesionais do mundo da tradución que, a través das súas propias experiencias, tratarán de axudarlle ás persoas que asistan a chegar ao seu ‘norte’, é dicir, a conseguir a máxima calidade co menor esforzo e tempo posible, facendo do compás dos(as) que foron pioneiros(as) a ferramenta que lles axude a tomar decisións prácticas e sempre axustándose o máis posible aos obxectivos de desenvolvemento sustentable. O prazo para inscribirse manterase aberto ata o 30 de xuño.

Termalismo e cosmética termal

Consolidado xa como un clásico dos Cursos de Extensión, terá lugar unha nova edición do curso de Termalismo e cosmética termal, coordinado polo profesor José Luis Legido e co prazo de inscrición aberto ata o 10 de xullo. Nesta ocasión a cita será do 26 ao 29 de xullo en Carballiño, Chaves (Portugal), Laias, Oia e Caldas de Reis. Serán 35 horas nas que as persoas que asistan terán a oportunidade de adquirir coñecementos xerais dos fundamentos do termalismo e da cosmética termal; coñecer a estrutura dos diferentes espazos dos centros termais; analizar e interpretar a relación existente entre o termalismo e a cosmética termal ou, entre outras cuestións, realizar prácticas de aplicación das técnicas termais empregadas nos distintos centros.

Fai o teu propio satélite

Da man do estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, Guillermo Calvo, da asociación de estudantes UVigo SpaceLab, chega unha nova edición de Fai o teu propio satélite. Será do 28 de agosto ao 1 de setembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Neste caso, ao longo das 30 horas que dura o curso, tratarase de conseguir que as persoas que asistan adquiran unha visión xeral de todos os elementos que compoñen un sistema espacial, os retos e beneficios que levan asociados estes sistemas. O prazo para inscribirse manterase aberto ata o 27 de xullo.