DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O domingo 6 de maio celébrase o Día Internacional da Xeoloxía

No Xeolodía, a Lanzada con outros ollos

Os grupos de investigación XM-1, XM-3 e AAE organizan un percorrido por esta praia

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 27/04/2012

Os xeólogos aproveitan a celebración do Xeolodía para abrir a portas do seu laboratorio á cidadanía en xeral. Ese lugar de traballo non é outro que a natureza, un espazo no que investigar e amosar á sociedade o traballo que desenvolven, animalos a observar con ollos de xeólogo a contorna na que se asentan as poboacións e entender os efectos que teñen sobre a superficies algúns dos procesos de funcionamento do planeta Terra.

Estas saídas de campo organízanse por todo o país, a razón dunha por provincia, estado a Universidade de Vigo a cargo da organización en Pontevedra. Tras a experiencia en 2011 na Ramallosa, desta volta, os grupos de investigación XM-1, XM-3 e AAE, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade, en colaboración con Campus do Mar, a Asociación de Oceanógrafos de Galicia e a Sociedade Mineralóxica Galega, trasladan as súas actividades didácticas á praia da Lanzada. A cita será o domingo 6 de maio e os asistentes percorreran esta praia acompañados de investigadores e profesores dende o aparcadoiro da Ermida da Nosa Señora da Lanzada, no concello de Sanxenxo, ata o miradoiro da Siradella, xa no concello do Grove. José Bienvenido Díez, profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, “eliximos A Lanzada pola súa espectacularidade, é un emprazamento singular que pola súa relación co Grove permite ver nun espazo un importante número de exemplos xeolóxicos que permiten comprender aos

Unha visita didáctica

A finalidade é que calquera persoa interesada, mesmo sen relación coa xeoloxía, poida achegarse a esta disciplina e a esta profesión e ás achegas que estes científicos fan á sociedade e ao seu benestar. Ao mesmo tempo tamén se pon en valor o patrimonio xeolóxico para que a sociedade tome conciencia da súa importancia e da necesidade de protexelo.

A idea é explicar a historia e o contexto xeolóxico da praia, o proceso que deu orixe súa formación e as especiais características da mesma. A actividade desenvolverase en dúas partes, unha primeira a pé de praia con catro puntos de observación nos que se impartirán explicacións sobre diversos aspectos xeolóxicos da praia, as rías e os cambios do nivel do mar. A segunda parte constará dunha explicación que permitirá aos participantes contextualizar espacial e temporalmente todo o observado a pequena escala na primeira parte da visita.

A inscrición poderase realizar entre o 27 de abril e o 3 de maio. A visita organizarase en quendas de 40 persoas cunha duración do percorrido dunha hora e media aproximadamente. A inscrición pode realizarse en www.oceanografosgalicia.org ou chamando ao 986813482 de 10 a 14 horas.