DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible inaugura a súa terceira edición

A xestión ambiental consolídase como liña estratéxica da Universidade

O experto Heikki Willstedt ofreceu un relatorio sobre enerxías renovables e cambio climático

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 01/10/2010

Para a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible é un dos pioneiros na formación de posgrao adaptado ao EEES. Caracterizado pola súa vertente internacional, en docentes e alumnado, e polo impulso á empregabilidade dos seus estudantes, este venres celebrou o acto de apertura da súa terceira edición. O vicerreitor de Economía e Planificación definiu estes estudos como “unha aposta seria e rigorosa con numerosas posibilidades de inserción laboral” e un exemplo dos 75 mestrados que conforman a oferta da Universidade de Vigo para este curso.

O seu coordinador, o catedrático Xavier Labandeira, salientou o carácter internacional do alumnado deste ano, con varios estudantes de fóra de Galicia e do Estado e o esforzo levado a cabo polo grupo REDE para ofrecer un mestrado multidisciplinar, “excelente no académico pero tamén no que se refire á transmisión do coñecemento á sociedade”. O obxectivo é formar profesionais polivalentes na xestión ambiental, “un perfil que en Galicia e en España aínda non existe”, apuntou Labandeira, e coincidente cunha das liñas estratéxicas da Universidade, punteira en desenvolvemento sostible non só na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, senón tamén na enxeñarías e no eido científico. Moitos destes docentes colaboran na programación académica deste posgrao, xunto con profesores doutras universidades españolas e internacionais, pero sobre todo con profesionais do sector. “Non queremos un master endogámico e contamos con representantes de empresas e institucións de primeiro nivel para a docencia”.

O acento, nas prácticas

O posgrao terá un ano de duración dividido en tres bloques, o último deles de prácticas en empresas, de tres meses de duración, “co que tentamos ofrecerlle aos alumnos unha formación de primeiro nivel e achegada ao panorama laboral que van atopar”. Entre estas empresas que colaboran co mestrado, economicamente e nas prácticas, están Iberdrola, Anfaco, Tragsa, Alcoa ou Valora. Xavier Labandeira salientou tamén a elección por parte de dous bolseiros de Iberdrola do MXDS para cursar os seus estudos “entre toda a oferta de España e do Reino Unido”.

Ademais, no transcurso do acto tamén se lle fixo entrega aos titulados da pasada edición dos seus diplomas acreditativos.

A década do consumidor chinés

Tras oito anos en Adena/WWF, Heikki Willstedt é agora director de Políticas Enerxéticas da Asociación Empresarial Eólica e, como tal, ofreceu o seminario inaugural da terceira edición do MXDS. Na súa intervención explicou que, ao seu entender, “estamos ante unha década crucial no ámbito da sostenibilidade” e ante este reto as universidades deben ser “lugares de debate e busca de solucións”.

Willstedt subliñou catro eidos fundamentais no seu percorrido pola situación enerxética e do cambio climático. Comezou facendo unha referencia histórica para comprobar se tiña habido na humanidade algunha sociedade realmente sostible. No século XV aC en Exipto xurdiu a primeira civilización urbana, “cos seus restos agora en pleno deserto” e reflexionou sobre o feito de que, en aquela época, o orografía tiña que ser outra. “A sobreexplotación dos recursos fixo que se convertese nun deserto e que os recursos naturais case desaparecesen”, un exemplo claro de sociedade nada sostible. Moito tempo despois, o século XX foi o do petróleo, cunhas características que marcaron a historia da humanidade para poder afrontar esta década que comeza como “a do consumidor chinés”. Explicou que o cambio xeopolítico tan radical que o planeta está a sufrir “terá implicacións para a sostenibilidade, as eleccións que China e os seus consumidores fagan terán repercusións para todos, como ondas na auga”. Para rematar, Heikki Willstedt repasou as opcións de sostenibilidade e temas enerxéticos que pasan “polas renovables e pola eficiencia enerxética”.