DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un obradoiro amosa as competencias do alumnado en Dirección e Xestión Pública a estas organizacións

Xestores públicos especializados na “caza” de subvencións para as ONGs

O profesor Enrique Varela sinala que o estudante non é consciente desta saída profesional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 04/05/2012

O sector non lucrativo de España vive, na súa maioría, de subvencións públicas e neste contexto “un titulado no Grao en Dirección e Xestión Pública pode contribuír enormemente”. Así, profesores da titulación organizaron o obradoiro Coñécete e dáte a coñecer aos teus empregadores, co obxectivo de informar ao alumnado dos últimos cursos das posibles saídas laborais no terceiro sector. “Os nosos estudantes foron formados para ser quen de identificar os contratos, subvencións e proxectos ofertados pola administración, polo que encaixan perfectamente no mundo das ONG´s”, explica o profesor Enrique Varela, un dos coordinadores do obradoiro.

Docentes do grao destacan que, dada a “xuventude” da titulación, son necesarias iniciativas e plans que “proxecten o abano de competencias profesionais que o noso alumnado adquire durante os catro anos”, sinala Varela. Desta volta, convidaron á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación representantes de organizacións do terceiro sector, como Cogami ou Médicos sen Fronteiras, para que coñezan de primeira man o que un xestor público lles pode achegar. Segundo a opinión do profesor Varela, o titulado en DXP sae da facultade cunha visión ampla do sector público “polo que pode complementar o labor dos técnicos das ONGs coa capacidade de aproximarse ás poucas subvencións que haxa nestes momentos”.

O profesor tamén destaca que, a pesar de que o plan de estudos do grao está orientado cara a formación de profesionais para o eido público, “trabállanse competencias para que saian cunha mochila cargada de habilidades para empregarse no sector non lucrativo, como o traballo en equipo, o labor de mediación, a flexibilidade...”. Non obstante, Varela salienta que o alumnado non é consciente das potencialidades laborais do terceiro sector, “nin os propios empregadores e representantes deste eido”, engade, de aí a necesidade deste tipo obradoiros “que poñan en contacto aos dous bandos e que se coñezan e colaboren”.

Contacto coas institucións

As asociacións convidadas a este seminario buscan preferentemente neste perfil de alumno “un profesional intermediario coas institucións públicas”. Susana Balo, cooperante de Médicos Sin Fronteras, explica que a asociación necesita apoios no eido da xestión, sobre todo no contacto con embaixadas para pedir permisos de entrada no estranxeiro. “Hai o pensamento xeralizado de que para formar parte desta asociación hai que ser sanitario, pero o certo é que tamén fan falla profesionais coñecedoras do sector público que sexan quen de manter conversas con distintos estamentos administrativos para poder levar a cabo o noso labor”, aclara Balo. Pola súa banda, Consuelo Davila, orientadora laboral de Cogami, informou ao alumnado de Dirección e Xestión Pública “das moitísimas posibilidades de traballo” dentro da organización. Davila confesa que unha gran parte das iniciativas que levan a cabo necesitan financiamento público “polo que si necesitamos especialistas que sexan quen de detectar proxectos e subvencións da administración”.

Ademais de facilitar o contacto entre alumnado e representantes do terceiro sector, o obradoiro tamén inclúe unha sesión de simulación de entrevista de traballo e outra de posicionamento persoal nas redes sociais “co obxectivo de ofrecerlle un certo acompañamento ao estudante nos seus últimos días na facultade”.