DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita é cada luns e mércores de 16.45 a 17.45 horas nas Termas de Outariz

Ximnasia e un baño relaxante para rematar ben o curso

A iniciativa quere fomentar os hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 21/06/2012

A piques de rematar o curso é momento de comezar a relaxarse e a prepararse para as vacacións. Para axudar a estudantes, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos a repoñerse do traballo académico e administrativo realizado este curso, o Servizo de Deportes do campus de Ourense e as Termas de Outariz ofrécenlles de balde, e ata o 30 de xullo, sesións gratis de actividades aeróbicas seguidas dun pracenteiro baño termal. A cita é cada luns e mércores de 16.45 a 17.45 horas.

A iniciativa é froito da colaboración entre as dúas entidades, que xa teñen realizado con éxito experiencias similares aínda que centradas en deportes como o tai-chi. Nesta ocasión e para ir alternando disciplinas, un monitor introducirá aos participantes durante unha hora na práctica de diferentes actividades aeróbicas, como son o pilates, os estiramentos, o aeróbic ou a tonificación. Ao remate, os que así o desexen poderán gozar de balde dun baño nas instalacións termais de Outariz, onde se desenvolverá a actividade. Se logo desexan continuar gozando das termas poderán seguir nelas cun 20% de desconto no seguinte baño.

Con esta actividade o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo quere, a pesar de estar ao final de curso, continuar incentivando a práctica do deporte e os hábitos de vida saudables entre a comunidade universitaria. Para facelo, nesta ocasión escolleron unha modalidade de exercicio físico asequible a todas as persoas, que non require coñecementos previos e que se lles gusta poderán logo continuar practicando individualmente ou en calquera centro de ximnasia.

Os organizadores das sesións agardan que cada tarde participen arredor dunhas 20 persoas, tanto universitarios e docentes como investigadores e traballadores da Universidade. Os interesados en inscribirse nas sesións gratuítas deben facelo con antelación no Servizo de Deportes do campus, no teléfono 988 387 198 ou no enderezo electrónico depor-ou@uvigo.es.