DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta fin de semana xogaron en Santander a fase de ascenso

As xogadoras de baloncesto conseguen o pase para a liga estatal

O Universitario Campus de Ourense feminino rematou a competición autonómica nun segundo posto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 14/05/2012

O Universitario Campus de Ourense de baloncesto sénior feminino vén de culminar esta fin de semana a súa excelente tempada deportiva. As xogadoras que adestra Roberto Rapela amosaron unha vez máis o seu bo xogo nos encontros da fase de ascenso á competición estatal que tiveron lugar na cidade de Santander. As ourensás chegaron á final e ao, igual que na liga autonómica, quedaron nun segundo posto que confirma o seu pase para ascender a vindeira tempada á 1ª División Nacional. Á falla de analizar se o ascenso é viable por cuestións deportivas e económicas, o conxunto universitario xa ten unha praza reservada entre os mellores.

“A praza de ascenso xa estaba gañada ao quedar segundos na 1ª División Autonómica Feminina pero ir a Cantabria a xogar contra outros equipos estatais e quedar segundos foi un premio engadido ao bo xogo das rapazas esta tempada”, explica Roberto Rapela. En Santander, as ourensás xogaron o venres contra o Tierra de Burgos, aos que gañaron 57-76, e o sábado contra os locais Ventanas Arsan, os que tamén venceron cun marcador de 54-62 puntos. Con estas dúas vitorias o equipo do campus de Ourense enfrontouse na final ao gañador do outro grupo, o Innobasket, contra o que perderon 56-49. “Pódese dicir que non nos gañaron senón que nós mesmos perdemos, porque a falta de pouco máis dun minuto para o final do encontro estabamos a tan só un punto do Innobasket pero cometemos unha serie de erros que lle deu finalmente a vitoria ao noso contrincante”, explica o adestrador ourensán.

Satisfacción polo resultado

A pesar desta derrota, xogadoras e equipo técnico amósanse moi satisfeitos polos resultados obtidos, pois non estaba en xogo a súa praza de ascenso e o nivel das ourensás amosouse moi igualado ao das demais xogadoras. “Estamos moi contentos con ter ido a xogar a Cantabria pois a experiencia tanto deportiva coma persoal para as xogadoras é moi boa, sobre todo a convivencia con outros equipos, que sempre resulta moi enriquecedora”, salienta o responsable do equipo.

Esta semana, tras a valoración deportiva, técnica e económica do que supón o ascenso, coñecerase se finalmente o Universitario Campus de Ourense sénior feminino permanece na 1ª División Autonómica Feminina ou se dá o paso á 1ª División Nacional. En todo caso, o adestrador quere facer fincapé no valor que xa ten que un equipo de xogadoras non profesionais como as do campus de Ourense, formando principalmente por universitarias de primeiro ano, consiga os logros deportivos que acadou esta tempada. Unha satisfacción compartida polas propias xogadoras, que despois de rematar cuartas a liga pasada e de ter un mal comezo de tempada nesta liga, reciben a posibilidade deste ascenso como un merecido recoñecemento a todo o esforzo deportivo e persoal realizado durante a liga.