DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de Publicidade e RRPP pon fin a dez días de campaña electoral

E se nos xogáramos nas urnas algo máis ca nota?

Este xoves celebraranse as votacións ás que concorren Sobreviventes, Moving, Shake! e República Bana

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 20/03/2013
Moi afastados da política tradicional, lonxe das ideoloxías e pegados ás redes sociais e ás novas tecnoloxías. Os catro partidos que concorren ás eleccións ficticias na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación apuran as últimas horas de campaña antes de que mañá os seus compañeiros elixan nas urnas ao gañador. Os partidos Sobreviventes, Moving, Shake! e República Bananeira tiveron dez días para convencer aos seus votantes, presentar as súas propostas, explicar o seu programa e chegar aos votantes. As estratexias foron diversas, pero se algo teñen en común os catro partidos políticos é, precisamente, o afastamento da política, da política tradicional. A ideoloxía quedou fóra destas eleccións para optar por organizacións desideoloxizdas e mesmo antisistema. O partido Sobreviventes aséntase sobre unha crítica frontal á corrupción e empregan a imaxe dun carteiro que percorre a facultade repartindo sobres. Os membros de República Bananeira organizaron a campaña arredor da súa mascota, un mono, recuperando o chimpancé Tiao, candidato da República Bananista Brasileira, partido que concorreu ás eleccións municipais en Brasil en 1988. Os outros dous partidos en liza son Moving, que ‘aposta por nós e o noso futuro: bolsas, mobilidade e idiomas son os piares que o sustentan, buscando o beneficio común’, e Shake!, que basea a súa estratexia na canción homónima cunha estética retro e defendendo o papel da música, o deporte e a cultura como actividades esenciais na universidade.

Pragmatismo e falta de ideoloxía

Destaca o pragmatismo político, a aposta por melloras concretas no centro que se concreta, por exemplo, na demanda de que os prezos da cafetería non rematen en 7 ou 3, 'para non andar con céntimos', como reclama Sobreviventes, partido tamén responsable do xogo Destapa un corrupto. Dende República Bananeira reclaman tamén que se habilite un microondas público e non restrinxido aos usuarios do comedor, 'para que traer os tuppers da casa sexa unha opción máis'.

Por outra banda, as propostas do alumnado a través destes catro partidos, un por cada grupo de prácticas, deixa un pouso de desideoloxización, xa que se presentan como alternativos e antisistema e baseados na política-espectáculo, co entretemento como vía de conexión política coa xuventude, unha vía que agora comezan a explorar tamén os partidos tradicionais como o único xeito de atopan de achegamento os mozos.

A máxima nota é para....

A celebración destas eleccións enmárcase dentro das actividades da materia Técnicas de Comunicación Electoral e Institucional, impartida polo profesor Xosé Rúas. Do seu esforzo nestas semanas depende un 1,5 da nota da parte práctica da materia. Pero non serán os seus compañeiros de clase os que voten, xa que os matriculados en Técnicas de Comunicación Electoral e Institucional non poderán exercer o dereito universal. Esta é unha das consecuencias da adaptación ao EEES, xa que debido ao calendario de Boloña foi necesario reducir o tempo de duración da campaña e mesmo se suprimiu o día de reflexión para manter o calendario previsto na guía docente da materia. Outra consecuencia, dada a división en grupos prácticos e teóricos, foi que resultase máis complicado organizar accións conxuntas como mitins ou debates electorais aos que puidesen asistir todos. Polo tanto acordouse deixar a elección en man do alumnado da facultade non matriculado na materia, PAS e PDI.
De entre as catro propostas sairá o gañador. As votación realizaranse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación entre as 10 e as 16 h, horario que se amplía en dúas horas respecto a edicións anteriores.