DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un proxecto investigará e divulgará as súas características

O xogo de bolos de Parada do Sil reivindica o seu sitio

A súas orixes remóntanse probablemente á Idade Media

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 14/11/2011
Nove bolos feitos de madeira autóctona que se colocan en forma de cruz, un deles máis largo que o resto para marca a liña a sobrepasar. Unhas bolas para tirar de diferentes tamaños, tamén de madeira e pouco lixeiras. E un xogo de pasabolos de ida e de volta cuxas orixes se remontan a séculos atrás. Estas son en grandes liñas as características do xogo de bolos de Parada do Sil que un proxecto de investigación e divulgación do seu concello e Laya Patrimonio Lúdico, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación, quere agora recuperar para que en calquera colexio ou praza de Galicia tamén se poida xogar ao bolos empregando esta modalidade ourensá.

Juanjo G. Rodicio, mediador do proxecto e antigo alumno da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, explica que a orixe deste xogo probablemente hai que buscala en tempos próximos á Idade Media, pois “Parada do Sil é medieval” e o xogo dispón os bolos en forma de cruz, algo habitual nas manifestacións lúdicas desa época. Con esta orixe e tendo en conta o illamento da zona, esta forma de ocio sobreviviu xeración tras xeración ata os nosos días en diferentes pobos do concello. Só no século pasado, durante os anos de maior emigración, advirte Rodicio, se interrompeu a súa práctica pola ausencia de mozos que puidesen xogar.

Alén destas características de xogo e da súa historia, o investigador destaca que o valor cultural desta manifestación tamén está na linguaxe que se emprega durante a partida. “Estamos en terra de afiadores e moitas palabras que se utilizan no xogo están en barallete. Deste xeito, o nome que se lle dá aos bolos é belbas, que significa algo tan simbólico coma garda civil”, explica.

No ADN da identidade

Segundo salienta Francisco Magide, alcalde de Parada do Sil, con este proxecto “queremos recuperar, dimensionar e difundir o noso xogo de bolos, un rico patrimonio inmaterial do noso pequeno territorio que chegou ata os nosos días e que queremos manter vivo”. Nesta transmisión patrimonial, Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, valora especialmente o papel dos “portadores”, das persoas que mantiveron viva este divertimento, e dos investigadores que traballan agora por recuperalo.

A través dun convenio entre o Concello de Parada do Sil e Laya Patrimonio Lúdico está previsto que se realicen diferentes actividades de difusión, entre elas unha pequena liga estacional, para difundir a existencia deste patrimonio inmaterial. Ademais, Lois Pardo, de Laya Patrimonio Lúdico, salienta que con esta colaboración intentarán rematar a investigación sobre o xogo, sobre os seus espazos, normas e formas de xogar e a súa presenza na toponimia e na oralidade da zona. “Os xogos populares están no ADN da nosa identidade”, apunta Pardo.