DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrouse este luns na Facultade de Educación e Traballo Social

Unha xornada aborda a pornografía, a prostitución e os ventres de aluguer como formas de violencia contra as mulleres

Nela incidiuse na súa expansión a través das novas tecnoloxías

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 16/10/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este luns a xornada Pornografía, prostitución e ventres de aluguer. Novas ou vellas alianzas do patriarcado co capitalismo neoliberal?, organizada polas profesoras deste centro e investigadoras do grupo Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) María Lameiras e Yolanda Rodríguez. O obxectivo da actividade, que contou con financiamento da Unidade de Igualdade da UVigo, foi, segundo explicaron as súas promotoras, "identificar as vellas e as novas formas nas que as sociedades patriarcais en conivencia co modelo capitalista neoliberal violentan, mercantilizan e explotan os corpos das mulleres".

A inauguración da cita contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, e as coordinadas da xornada María Lameiras e Yolanda Rodríguez. A programación arrancou cunha conferencia sobre Pornografía e violencia sexual. O impacto da pornografía nas actitudes e conductas de agresión sexual, a cargo de Lluís Ballester, do Departamento de Pedagoxía e Didácticas Específicas da Universitat de les Illes Balears. Continuou coa participación da directora de cine Mabel Lozano, que abordou a temática das xornadas a través da súa serie documental sobre a industria pornográfica PornoXplotacion e do seu novo documental Ava, sobre escravitude sexual. Para rematar, xa pola tarde, a programación incluíu unha intervención de Paula Fraga, avogada penalista e de familia especialista en protección á infancia.

Conciencia crítica

Con estas xornadas, comentaron as súas responsables, “queremos que o noso alumnado reflexione sobre unha realidade que implica unha violencia brutal contra as mulleres a través do uso sexual (pornografía e prostitución) e reprodutivo (ventres de aluguer) dos seus corpos”. Estas tres problemáticas, indicaron, lonxe de minorar “estase agravando debido ás novas tecnoloxías” que, apuntaron, “están permitindo que se exponencie a cantidade e os tipos de violencia que se exercen contra as mulleres” e fomentan “a desinformación”. As investigadoras denunciaron que nesta desinformación, a prostitución e a pornografía “son temas que se están naturalizando, normalizando, como se fosen algo que forman parte da nosa sociedade” e xustifícanse apelando á libre elección das mulleres “cando en realidade son un exercicio da violencia sobre o corpo das mulleres para satisfacer os desexos dos homes, que entenden que teñen dereito a que os seus desexos se materialicen. Non é unha relación nun plano de equidade”.

Neste senso, na xornada incidiuse en visibilizar como “o patriarcado nútrese do capitalismo neoliberal para difundir estas violencias, moitas delas enmascaradas, intentado vendernos estas vellas e novas formas de violencia como unha falsa liberdade sexual na que ti elixes”. Contra estes discursos, desde a organización da actividade fixeron fincapé na necesidade de que se contrarresten “cunha axeitada información e educación sexual integral no noso sistema educativo e nas nosas institucións”.  Por este motivo, animaron ao alumnado presente, futuras e futuros educadores, a ter conciencia crítica e contribuír a “erradicar a desigualdade”.