DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntanse máis de 70 comunicacións

A Xornada de Investigación Biomédica amplía os seus horizontes

Nesta quinta edición participan científicos e centros de toda Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 31/05/2012

Cinco anos de experiencia sérvenlle ás Xornadas de Investigación Biomédica de Vigo para convertese xa nun referente en Galicia, ampliando o seu radio de acción a todos os centros públicos de investigación da comunidade autónoma. Esta é a novidade da edición que se celebra hoxe na cidade, como explica Carmen Navarro, directora científica do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, que incide en que “é unha pequena pero gran modificación, xa que estendemos a invitación a todos os centros de investigación de Galicia e contamos con máis de 70 comunicación orais e póster”. A ampliación trata de consolidar este evento como un foro de intercambio de experiencias no que fomentar as colaboracións entre investigadores e centros, “conscientes de que a investigación é cada vez máis competitiva e iso fai imprescindible unir esforzos entre equipos e tratar de desenvolver proxectos máis ambiciosos”.

Outro dos obxectivo do Instituto de Investigacións Biomédicas nesta quinta edición das xornadas é facelas chegar aos mozos e mozas. Carmen Navarro subliñaba que, “aínda que resulta difícil atraelos, os residentes dos complexos hospitalarios e os científicos novos teñen que ser esenciais” en eventos coma estes. África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas, incide en que “hai que seguir apostando pola investigación de calidade en Galicia, sobre todo entre os mozos e mozas residentes e bolseiros, precísanse ideas orixinais, gran dedicación á investigación e máis propostas promovidas directamente polo persoal sanitario”. Neste sentido subliña que a investigación biomédica está “moi dirixida pola industria farmacéutica, pero hai moito campo de traballo no aspecto preventivo, de diagnose e de terapia que poden abordarse dentro dos centros sanitarios”, coa axuda de todos os sectores (pacientes, persoal sanitario, asociacións de enfermos, xerencia....).

Programa da xornada

> Ao longo da xornadas os investigadores en biomedicina afondaran principalmente en tres eidos: a reumatoloxía, inmunoloxía e inflamación; o eido cardiovascular e a endrocrinoloxía e metabolismo. Estes tres campos centran ademais as principais mesas redondas que se acompañan con 12 comunicacións orais e 70 póster. A xornada botou a andar coa mesa sobre reumatoloxía, inmunoloxía e inflamación na que participaron destacados expertos neste campo como María Leandro, do University College of London; Carlos Todokoro, do Instituto Gulbenkian de Ciencia de Portugal; e Francisco Gambón, do Servizo de Inmunoloxía do Chuvi.

Ao longo da xornada participaron, xunto con representantes doutros centros, varios investigadores da Universidade de Vigo, como Mª Reyes Pérez, da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense, que presentou un traballo sobre a educación sanitaria e a prevención da osteoporose. O profesor Pío González, do Grupo de Novos Materiais, do Departamento de Física Aplicada, participou na mesa redonda de cardioloxía tratando as solucións tecnolóxicas no ámbito cardiovascular. Ramón Hermida, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, presentou pola súa banda o proxecto Hygia, que emprega a monitorización ambulatoria sistemática e periodicamente como ferramenta asistencial para a diagnose, valoración terapéutica e avaliación de riscos cardiovasculares.

O futuro da investigación biomédica en Galicia

Creado en 2008 pola Universidade de Vigo e do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, o Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, ten como obxectivo desenvolver este eido científico en estreita colaboración entre o sistema de saúde e o sistema docente investigador da Universidade. Ao seu abeiro xurdiron hai cinco anos estas xornadas que serven como foro para todos os grupos de investigación dos centros públicos de Galicia. A súa importancia radica en que a través das sinerxías entre grupos de investigación básica e clínica, garántese a efectiva implantación dos resultados da investigación en termos de beneficios para a saúde dos cidadáns, tanto directamente a través dunha mellora na prevención, diagnose, tratamento e seguimento da enfermidade como, indirectamente por facilitar a colaboración coas empresas farmacéuticas e de biotecnoloxía.

Coa ollada posto no futuro, África González apunta que o “o recorte económico xa está afectando á investigación, coa redución no tamaño da masa crítica dos grupos e a imposibilidade de estabilizar á xente”. Pero fronte a este futuro incerto, a catedrática da Universidade puntualiza que “existen algúns grupos de investigación moi bos, cunha proxección tanto a nivel nacional como internacional, pero son poucos”. Unha das debilidades no eido biomédico segundo González, “é a pouca atracción que teñen os centros galegos de talento externo e debemos incrementar a visibilidade de Galicia como un polo de investigación biomédica, e isto só se fará con investigación de calidade, publicacións en revistas internacionais de alto impacto, colaboración internacional, participación en redes ou estancias noutros centros”, conclúe.