DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas por GULO e OSLUVI, hoxe e mañá no Ateneo

Unhas xornadas poñen o software libre ao alcance de todos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 26/05/2009

Achegar o software libre aos cidadáns, informar das principais alternativas que este ofrece fronte ao de carácter privativo e dar a coñecer as vantaxes da súa aplicación no ámbito doméstico e empresarial son os obxectivos das III Jornadas de software libre: Software libre e cidadanía organizadas polo Grupo de Usuarios GNU/Linux de Ourense, GULO, e pola Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo, OSLUVI.
As xornadas, de carácter gratuíto, desenvolveranse hoxe e mañá pola tarde no Ateneo de Ourense e, a diferenza do que se realizou nas anteriores edicións, este curso “será básico, unha iniciación no software libre para todo o mundo”, explicou Diego Pérez, un dos integrantes de GULO.
Ao longo destas dúas sesións e dos distintos relatorios “ofreceremos alternativas ao software privativo, tamén afondaremos nas posibilidades que o software libre ten a nivel de ofimática e incluso explicaremos como ver películas ou xogar”. Todo isto por suposto será “nunha linguaxe accesible para todo o mundo, sen entrar moito en tecnicismos”, indicou Pérez. Durante as xornadas tamén se fará un reparto de material aos participantes e haberá sorteos con agasallos.

Programación das xornadas

As dúas sesións das xornadas desenvolveranse dende ás 16.30 e ata ás 19.30 horas. Hoxe serán catro os temas a tratar; comezarán coa relación existente entre a cidade, a asociación GULO e o software libre, seguirán falando das condicións de uso deste produto, a súa aplicación no ámbito do fogar e na empresa, “a nivel de ofimática, contas de usuario, xogos”, e rematarán dando a coñecer as alternativas que ofrece o software libre fronte ao privativo. Nesta primeira xornada os conferenciantes serán Pablo Caderno, presidente de GULO e os asociados Diego Pérez, Javier Rodeiro e Orlando García..
O mércores 27 retomaranse as xornadas centrándose nesta ocasión en temas de carácter máis específico. Membros de GULO e da OSLUVI explicarán como instalar GNU/Linus, afondarán nas vantaxes de empregar OpenOffice fronte a MS Office e falarán do xogo en liberdade.