DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu programa inclúe dous días de música e unha semana de conferencias

As Xornadas Universitarias Culturais traerán a Los Suaves ao campus

A iniciativa está organizada pola Asociación Universitaria Ocio-SOS

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 27/04/2012

As Xornadas Universitarias Culturais XUCO veñen de presentar o seu cartel e fano apostando forte pola música e pola participación de destacados conferenciantes. A partir do venres 4 de maio comezará unha intensa actividade que traerá ao campus de Ourense a grupos como Los Suaves e Priscila e a picadiscos como André Gallizzi e Domenico D`Angelli. Tamén haberá tempo para escoitar a destacados intelectuais, como os galegos afincados en Francia Ignacio Ramonet e Ramón Chao, e aos docentes universitarios Mª José Bravo Bosch e Luís Míguez.

Abraham Martínez e Ignacio Ramírez, presidente e secretario respectivamente da entidade organizada, a Asociación Universitaria Ocio-SOS, foron os encargados de presentar este venres a programación de XUCO. “O noso obxectivo é proxectar a cidade de Ourense no exterior e queremos facelo a través da organización dun grande evento cultural de interese para a xuventude”, explicou Abraham Martínez. Para logralo, propoñen un destacado panel de actuación musicais e conferencias cuxa recadación, unha vez amortizados os gastos, queren destinar a accións benéficas, como o Banco de Alimentos.

12 horas de música electrónica

Segundo explicou Ignacio Ramírez as xornadas comezarán cunha fin de semana de música “na que quixemos combinar destacados grupos de fóra con conxuntos ourensáns”. O venres día 4 de maio, a actividade empezará no campus de Ourense cunha tarde-noite de concertos, a partir das 19 horas, na que participará Megapearls, Derroche, Tako, La Fuga e que culminará coa actuación do grupo ourensán Los Suaves.

O sábado, día 5 de maio, o protagonista será a música electrónica, cunha sesión de 12 horas ininterrompidas no campus a cargo dos picadiscos alemáns André Galluzzi, Doménico D`Angelli e Guido Scheneider; do arxentino Barem; do francés Rodríguez JR, do italiano Effect e do canadense Jeremy P. Caulfield. Para completar esta programación, tamén o sábado, Expourense acollerá un concerto de Sexy Zebras, Blurbs, Priscila e Dikers. O prezo da entrada para cada día de concerto é de 18 euros, podendo mercarse bonos para os dous días ou realizar a compra anticipada con desconto nos puntos de venta habilitados.

Ignacio Ramonet e Ramón Chao

As Xornadas Universitarias Culturais continuarán, segundo explican os organizadores, a semana do 6 de maio cunha serie de conferencias na que participarán os xornalistas galegos afincados en Francia Ramón Chao e Ignacio Ramonet. Ademais, estarán os docentes universitarios Mª José Bravo Bosch e Luís Míguez, que falarán das súas respectivas áreas de especialización, como son a romanización en Ourense e as augas termais. A data de cada unha das conferencias anunciarase a vindeira semana na web das xornadas.