DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa ponse en marcha para valorizar esta realidade histórica

Xosé Manuel Cid será o primeiro director da Academia do Couto Mixto

Será nomeado oficialmente no acto que se celebrará este sábado en Santiago de Rubiás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 01/07/2022

Como cada primeiro sábado de xullo, a localidade ourensá de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín) acollerá a reunión anual da Asociación de Amigos do Couto Mixto na que se invisten ás e aos seus novos xuíces honorarios. Como novidade, este ano presentarase a nova Academia do Couto Mixto e nomearase ao seu primeiro académico director, o profesor e decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Xosé Manuel Cid.

A Asociación de Amigos do Couto Mixto decidiu nesta ocasión nomear como novas e novos xuíces honorarios a Armando Fernández (médico e escritor autor do Himno do Couto Mixto); a Consuelo Castro (galega avogada xeral do estado) e a Diana Gonçalves (directora de cine e guionista de televisión directora do documental Mulleres na raia). Tamén decidiu crear “un novo órgano dentro da Asociación de Amigos do Couto Mixto que se denomine Academia do Couto Mixto” e cuxo  obxectivo será intentar buscar fórmulas que poidan servir cara o futuro na procura de apoio aos territorios implicados, "buscando modelos de crecemento económico, medio ambiental ou tecnolóxico" que poñan en valor estes espazos transfronteirizos.

Os académicos e académicas que poidan ir nomeándose, sinalan desde a entidade, “deberán posuír uns determinados requisitos de competencia técnica ou doutras áreas do saber para que a través dos seus proxectos, estudos, etc. poidan chegar a institucións locais, estatais, provinciais, etc. e servir de estímulo e crecemento ao Couto Mixto”. Coa finalidade de poder levar a cabo no futuro estes nomeamentos créase a figura do Académico Director que será “o encargado de ir desenvolvendo este proxecto polo miúdo”. A Asociación de Amigos do Couto Mixto acordou por unanimidade propoñer ao seu membro Xosé Manuel Cid “ocupar este posto e desenvolver o proxecto, por ser unha persoa dunha traxectoria impecable no ámbito universitario, membro de múltiples asociacións científicas de renovación pedagóxica e culturais, dinamizador e defensor da cultura e da lingua galegas e que ten destacado en proxectos de ampla difusión”. A tal fin, no acto deste sábado entregaráselle a medalla como Académico Director e os estatutos da Academia do Couto Mixto.

Valorizar e visibilizar

“É unha satisfacción enorme e unha honra que pensaran en min. Intentareino facer o mellor que poida. Este primeiro ano será a ralentí, porque aínda me debo moito á Universidade por ser decano, pero igual co tempo podo pensar en implicarme un pouco máis”, comenta Xosé Manuel Cid. O profesor explica que esta figura de director académico pretende “servir de ponte entre a academia e a asociación do Couto Mixto” e destaca a importancia da posta en marcha deste órgano para “pór en valor esta realidade e que dalgunha forma serva para estreitar máis os lazos entre estes dous países que están unidos pola raia seca e o Couto Mixto”. Xosé Manuel Cid detalla como esta iniciativa pretende buscar unha maior continuidade e visibilidade ao longo do ano da actividade do Couto Mixto que redunde na súa valorización. “Trátase de darlle unha presenza máis permanente e non ter que agardar ao primeiro sábado de xullo para acordármonos do Couto Mixto; é importante que durante o ano poida haber outras actividades relacionadas con el”, comenta o profesor do campus de Ourense.

Segundo explica o responsable académico, a idea é que a academia estea formada por arredor de 15/20 persoas que se vaian incorporando paulatinamente e que destaquen por dedicar parte da súa investigación ao Couto Mixto, principalmente desde o ámbito social, ampliando o coñecemento que xa existe sobre el desde o punto de vista histórico e literario a outros eidos como poden ser o dereito, a economía, o turismo ou a comunicación. “Realidades como esta hai que dalas a coñecer porque son exemplos extraordinarios. Para esa xente non existía a fronteira, relacionábanse para solucionar os seus problemas independentemente do país ao que pertencían”, comenta Xosé Manuel facendo fincapé no carácter intercultural e de paz do Couto Mixto.

O nomeamento de Xosé Manuel Cid tamén continúa a acrecentar a vinculación da Universidade de Vigo co Couto Mixto, xa que a institución académica foi unha dos seus tres primeiros xuíces honorarios. Ademais, lembra o profesor, a vinculación entre as dúas entidades remóntase ao ano 1999, cando a UVigo organizou en Chaves, a iniciativa de Xosé González Martínez, e xunto á Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, un curso de verán dedicado ao Couto Mixto.