DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta louva a fazaña do Iveco Universidade de Vigo

O equipo foi recibido no Pazo de Raxoi por Alberto Núñez Feijóo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 24/02/2011
O Iveco Universidade de Vigo, o primeiro conxunto galego en lograr o ascenso á División de Honra do rugby nacional, foi recibido polo presidente da Xunta. A directiva, o corpo técnico e os xogadores do club vigués, acompañados polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, acudiron á homenaxe ofrecida por Alberto Núñez Feijóo no Pazo de Raxoi e que culminou unha semana repleta de recoñecementos. Pero a xesta meréceo.

O equipo que adestran David Monreal e o ex allblack Norm Maxwell comezou o ano loitando por saír adiante, co único obxectivo de poder loitar pola permanencia, pero foron a máis e chegaron ao último partido de liga regular con opcións de loitar polo ascenso “un soño”, como definiu Ramón González-Babé, o seu presidente. Diante tiñan ao rival máis forte, ao CRC Madrid, o Canoe, que non coñeceu a derrota en toda a tempada. Ata que se mediu aos vigueses, que foron quen de pararlles os pes. “Levan o rugby no sangue, no ADN”, aseguraba o reitor. E de feito que así é, porque fixeron historia. Esa que se escribe en maiúscula e leva a un equipo dun deporte “mal chamado minoritario” ata o salón de noble do Pazo de Raxoi.