DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta pon en marcha o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico

Inverterá 2.3 millóns de euros en consolidar e estruturar o I+D+i galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 23/10/2007

Co propósito de fomentar o I+D+i en Galicia, a Consellería de Innovación e Industria porá en marcha o Plan C. Trátase de convocar axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas.
Este Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, INCITE, supón un investimento de 3.200.000 euros e estará integrado por tres tipos de programas: horizontais, xerais e sectoriais. Entre os obxectivos está a consolidación e especialización competitiva das unidades de investigación, corrixindo así a fragmentación e dispersión de capacidades, o que reduce o potencial científico e tecnolóxico do sistema galego de ciencia e tecnoloxía.
Para a consecución destes obxectivos poranse en marcha novos instrumentos que potencien a organización competitiva e a dotación dos recursos precisos para avanzar en calidade e repercusión dos resultados da actividades científica. Deste xeito concederanse axudas a grupos de investigación baixo a fórmula contratos programas para dimensionar e cohesionar estes grupos e potenciar a complementariedades das súas capacidades. Trátase dunha aposta por grupos cunha maior dimensión , interdisciplinares e especializados en liñas de investigación que encaixen entre si e garantan que o sistema galego de ciencia e tecnoloxía afonde nos temas de maior relevancia para Galicia.
O plan INCITE destinará axudas a centros de investigación e grupos de investigación do Sistema Universitario Galego e outros organismos do sistema público de I+D+i. Estas recoñecerán e premiarán o esforzo na obtención de resultados de calidade e concederanse en base aos resultados contrastables da actividade investigadora e co compromiso de desenvolver un programa por obxectivos.

Axudas para o 2007

O Diario Oficial de Galicia recolleu esta orde de convocatoria o día 26 deste mes de outubro, onde se especifica que estas axudas son as relativas ao ano 2007 e que terán vixencia durante o período de 2008-2010. Anualmente farase pública no DOG a convocatoria correspondente, na que se estableceran os requisitos e condicións para a súa concesión.
Os destinatarios desta convocatoria divídense en tres grupos. A primeira modalidade será para os grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia, do Consello Superior de Investigacións Científicas e do Instituto Español de Oceanografía. Nun segundo grupo comprenderíanse as axudas para os grupos pertencentes aos sistema sanitario público galego. Por último, unha terceira categoría comprende aos centros de innovación e tecnoloxía.