DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da sinatura dun convenio entre a Escola Galega de Administración Pública e os reitores

A Xunta e as universidades galegas renovan a súa colaboración para organizar actividades formativas e de investigación conxuntas

Permitirá tamén a realización conxunta de cursos de verán aos que poderá asistir o persoal da Xunta

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 16/10/2018

As tres universidades galegas e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) asinaron este martes un convenio de colaboración conxunto para a realización de actividades formativas, divulgativas e de investigación. Ao acto asistiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, os reitores de Vigo, Manuel Reigosa; Santiago de Compostela, Antonio López e da Coruña, Julio Abalde, xunto coa directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos.

A sinatura deste documento marco, por quinto ano consecutivo, posibilita que o persoal de administración e servizos das tres universidades públicas galegas acceda á formación convocada pola EGAP, tanto con actividades exclusivas para eles como coa súa participación no Plan formativo ofimático de Galicia, no programa de autoformación e no portal de idiomas. Desta maneira, as e os traballores reciben unha formación actualizada e de calidade impartida polos mellores profesionais, equiparando a súa situación coa dos demais empregados públicos de Galicia que teñen acceso a estas actividades desde hai anos.

Inicialmente, esta iniciativa só incluía a formación do persoal de administración e servizos das universidades, pero foi evolucionando ata adquirir cada vez máis relevancia. Así, entre outras novidades, este convenio permitirá a realización conxunta de cursos de verán aos que tamén poderá asistir o persoal da Xunta, beneficiándose desta acción todos os empregados públicos de Galicia.

Máis de 7400 prazas desde 2014

Desde o ano 2014 o persoal de administración e servizos das tres universidades galegas puido matricularse nun total de 144 accións formativas e acceder a 7432 prazas convocadas especificamente para este colectivo. En concreto, para este 2018, o convenio permitirá a convocatoria de 25 cursos e 1100 prazas, ademais do acceso deste colectivo ás materias do Plan formativo ofimático de Galicia, ao programa de autoformación e ao portal de idiomas da EGAP. Finalmente, ao abeiro deste texto tamén se convocará unha xornada sobre Protección de datos e ciberseguridade que terá lugar no mes de decembro.