DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O goberno galego investirá 110.000 euros en iniciativas de modernización do marco lexislativo local

Xunta e UVigo crean a cátedra de Bo Goberno Local, un instrumento único no conxunto do Estado

Diego Calvo e Manuel Reigosa presentaron hoxe en Santiago as accións conxuntas a desenvolver

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 26/07/2022

Xunta e Universidade de Vigo colaboran a prol da mellora na xestión pública local coa creación da cátedra institucional de Bo Goberno Local e a modernización do marco lexislativo local de Galicia, iniciativas que hoxe presentaron o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e nas que o Goberno galego inviste 110.000 euros. O vicepresidente segundo agradeceu a colaboración da Universidade de Vigo neste impulso á xestión pública local galega, que permite, dixo, contar coa experiencia investigadora e de transferencia de coñecemento da Red Localis. Diego Calvo incidiu no importante labor deste “foro único en España para a reflexión do municipalismo e da súa xestión, que potencia o debate público sobre o mundo local e formula propostas de solución ás problemáticas detectadas”. 

A Red Localis, un think tank formado por profesorado e persoal investigador universitarios e  profesionais do mundo local,  consolidouse dende o seu nacemento, en 2015, como un foro de reflexión sobre o municipalismo. Trátase dunha liña de investigación do Grupo de Referencia Competitiva do Sistema Universitario de Galicia integrado por persoas expertas no eido local GEN (Governance and Economic Research Network).

Instrumento único no Estado

Para o vicepresidente segundo, a creación e desenvolvemento dunha cátedra de Bo Goberno Local resulta de grande interese para Galicia por tratarse dun instrumento único, sen equivalente no conxunto da comunidade nin do Estado. A iniciativa facilitará a resposta ás inquedanzas que se están a producir no mundo da administración local, “sometido a fortes transformacións pola implantación de novas tecnoloxías, a situación de postpandemia e dos cambios normativos e de relación co conxunto da cidadanía”, apuntou. Á fronte da Cátedra estarán os codirectores da Red Localis, Alberto Vaquero e Concepción Campos, e o director do Grupo GEN, Santiago Lago e o seu orzamento ascende a 60.000 euros.

Segundo explicou Diego Calvo, as actividades e eventos que se desenvolverán no marco desta cátedra, como o Congreso Red Localis, pretenden facilitarlles ás entidades locais solucións a problemas complexos e facilitarlles a toma de decisións, en termos de eficacia e eficiencia. Tamén se lles van dar a coñecer novas fórmulas de colaboración, resolver dúbidas sobre as competencias das administracións públicas e, en resumo, “facer chegar propostas que redunden na mellora do Goberno local a prol da prestación de servizos á cidadanía acorde cunha administración do século XXI”, abondou. 

Actualización do marco lexislativo

Canto á colaboración no proceso de revisión, mellora e actualización do marco lexislativo en materia de administración local, o vicepresidente segundo sinalou como obxectivo común o de facilitar “a modernización das normas e un mellor desenvolvemento do mundo local, así como adecuar a normativa aos cambios producidos no tempo transcorrido desde a aprobación da vixente Lei de Administración Local de Galicia”. Nesta liña, a Xunta vai investir 50.000 euros na realización dos traballos precisos para impulsar unha nova norma do réxime das entidades locais galegas.

Ademais, de colaborar no financiamento, a Xunta dirixirá e supervisará o labor desenvolvido pola Universidade de Vigo, á que lle subministrará toda a información dispoñible e que coordinará as actividades que deberá realizar o equipo multidisciplinar e os apoios externos puntuais que considere necesarios.