DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación NeCom estuda a carga emocional das mensaxes electorais nesta rede social

As xuventudes dos partidos políticos canalizan o seu discurso máis corrosivo e crítico en Twitter

As formacións nacionalistas e de esquerdas son as máis activas nesta plataforma

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 30/05/2013
“Existen certos indicios de que os partidos nacionalistas e os de esquerda son os máis activos en Twitter e tamén que as xuventudes e novas xeracións canalizan o discurso máis corrosivo e crítico fronte a actividade dos seus opoñentes, reservando as canles de comunicación oficial para trasladarlle un diálogo positivo e construtivo aos seus seguidores e seguidoras”. Así o explica Xosé Rúas, coordinador do grupo de investigación NeCom (Neurocomunicación, Publicidade e Política) da Universidade de Vigo, ao referirse ás principais conclusións dun estudo sobre a carga emocional implícita nos textos que os políticos e súas formacións publican nas redes socias durante o período de eleccións. Tanto Rúas como o resto de investigadores que participaron neste proxecto presentan en sociedade os seus resultados no XIII Congreso Internacional IberCom en Santiago de Compostela.

Jesús Pérez Seoane, Ivan Puentes, Alejandro García Caballero, María Isabel Míguez, Mercedes Fernández Cabana e María Teresa Alves integran o cadro de investigadores que elaborou este proxecto co obxecto de estudar o uso que os políticos fan das redes sociais dende un punto de vista puramente cuantitativo ata a máis completa análise de contido. Para levar a cabo o estudo analizáronse todas as mensaxes publicadas durante o período de precampaña das últimas eleccións autonómicas de 2012 tanto no Twitter dos candidatos como no das propias forzas políticas que participaron nestes comicios.

Tal e como salienta o coordinador do grupo de investigación NeCom, no estudo queda patente que todos os partidos políticos dispoñen dunha conta en Twitter e que a utilizan durante a campaña para trasladarlle aos seus seguidores o día a día dos candidatos. No que atinxe concretamente aos partidos cómpre destacar que os que transmiten unha maior carga emocional negativa nos seus tweets son Sociedad Civil y Democracia e o Bloque Nacionalista Galego. SCD é ao mesmo tempo o partido que maior ansiade lles transmite aos seus seguidores fronte á escasa negatividade de CompromisoXGalicia. Aínda que ningún partido destaca na utilización dunha linguaxe inclusiva, Unión, Progreso y Democracia sería, seguida polo Partido Popular e o PSdG, a agrupación que en maior medida emprega este tipo de linguaxe. Por último UPyD é o partido que se expresa en maior medida no tempo pasado mentres que Alternativa Galega de Esquerdas o fai en presente.

Análise candidato a candidato

No caso concreto dos perfís de Twiter de cada un dos candidatos pódese destacar que "son os políticos de esquerda os que difunden con maior frecuencia os seus pensamentos nesta plataforma” asegura Rúas. A ferramenta utilizada para levar a cabo este exhaustivo traballo foi o Lingüistic Inquiry and Word Count. O LIWN é un software informático que conta as palabras que emprega unha persoa nun determinado texto ao tempo que as clasifica e as asocia cunha determinada sensación ou emoción. Desmiuzando os resultados os investigadores comproban que Xoán Bascuas utiliza máis verbos en pasado que a media pero, sen embargo, é o que menos emocións negativas introduce nos seus tweets. Isto significaría que o líder de CxG emprega nos seus textos unha linguaxe honesta.

Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras destaca por ser o que máis pronomes emprega en primeira persoa do plural, introducindo pola contra menos palabras que indican certeza que o resto de candidatos. A súa sería, segundo o estudo, unha linguaxe próxima ao seu público. Francisco Jorquera concentra o maior número de artigos e palabras que indican inhibición. Tamén son superiores á media as porcentaxes de palabras referentes a procesos cognitivos, emocións negativas e negacións. As referencias ao diñeiro e á exclusión aparecen reflectidas nos textos de Pachi Vázquez. As palabras de José Canedo indican certeza e enfado ao usar pronomes en primeira persoa do singular e verbos en tempo futuro.

Nos seus twees, Alberto Núñez Feijóo destaca polo uso de negacións, palabras referidas a procesos sociais e aquelas que indican inclusión. Non emprega palabras relativas ao diñeiro nin tentativas. A súa maior porcentaxe de negacións foi vista polos investigadores da Universidade de Vigo como un signo de inhibición e baixa espontaneidade. Por último, o software analizou os textos de Mario Conde que emprega pronomes en terceira persoa, palabras que indican emoción negativa como ansiedade ou enfado, tentativas, certeza ou tempos en verbo presente e pasado. A súa linguaxe foi cualificada como pouco concreta.