DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publica 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Pra

Yolanda Barriocanal percorre con imaxes e historia o camiño real

O seu obxectivo é contribuír ao coñecemento e difusión desta ruta

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 14/07/2011
Os camiños de hoxe son en moitos casos evolución de antigos camiños que ao longo da historia se foron adaptando a medida que mudaban as sociedades que os empregaban. Entre Castela e Santiago de Compostela e pasando por terras ourensás consérvase o camiño real, con raíces nas antigas vías romanas e medievais, auxe no século XVIII e hoxe camiño de peregrinaxe. Unha intensa historia que a profesora da Universidade de Vigo Yolanda Barriocanal vén de recoller na publicación O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata.

A obra, editada polo Grupo Marcelo Macías, foi presentada este xoves coa participación das entidades que colaboraron na iniciativa e ás que a súa autora quixo agradecer a súa implicación. Deste xeito, ademais da autora, o acto contou coa asistencia de Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; Francisco Fariña, presidente do Grupo Marcelo Macías; Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico Provincial, e Gerardo Pumar, xefe territorial de Cultura e Turismo.

Segundo explicou Barriocanal, o libro fai un minucioso percorrido pola historia do camiño real. Comeza indagando nas antigas vías romanas e medievais para atopar as súas raíces e desenvolve en detalle toda a evolución do camiño na época dos Austrias, os Borbóns e o reinando de Carlos III. Para rematar, analiza a súa transformación de camiño de ferradura en estrada a partir de 1803. Ademais do periplo histórico, a obra inicia en Portela da Canda (Ourense) un percorrido ata Amear (Pontevedra) no que, concello a concello, recolle en profundidade a súa historia e a súa riqueza patrimonial e natural. Para facelo, os textos de Yolanda Barriocanal vense acompañados polas fotografías de Fernando del Río.

Para pór en valor

“Entre outras vías de comunicación, os camiños meridionais de Galicia e, en concreto, o camiño real que durante séculos permitiu a conexión con Castela, pode ser contemplado como unha das infraestruturas históricas máis importantes deste territorio”, advirte a autora no libro. Por este motivo, explica, abordou a realización deste libro co obxectivo de “identificar o trazado orixinal do camiño, expor as razóns históricas que o fixeron posible e amosar a súa riqueza patrimonial e natural, co fin último de axudar a poñelo en valor e fomentar a súa recuperación”.

Este obxectivo de potenciar o camiño tamén foi recalcado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, que apuntou que unha das liñas estratéxicas do seu departamento é a posta en valor dos Camiños de Santiago como elementos xeradores de riqueza turística. “Esta obra é un magnífico traballo que chama a atención sobre a riqueza do patrimonio, moi ben documentado e ilustrado”, engadía durante a presentación do libro Fariña Busto. Unha opinión compartida polo director do Museo Arqueolóxico Provincial, que salientou “que só desde o coñecemento podemos avanzar en recursos patrimoniais”.