DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Prosegue o ciclo "Escritores na Universidade"

Yolanda Castaño diserta sobre a xeración da década dos 90 durante un relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 08/11/2007

“O éxito da xeración dos 90 reside no seu funcionamento como colectivo humano con inquedanzas comúns”, a lo menos así o afirmou a poeta Yolanda Castaño no transcurso da conferencia que ofreceu na Facultade de Filoloxía e Tradución dentro do ciclo Escritores na Universidade.
Con estas palabras a poetisa compostelá encadrouse a si mesma dentro dun grupo de escritores e poetas unidos por un escenario temporal común e por un temario similar que ademais de tratar aspectos clásicos como o amor, o paso do tempo ou o erotismo, retoma a poesía social dende unha óptica en consonancia cos tempos actuais. Así, “hai poesía ecoloxista, de insumisión, pacifista e incluso relacionado co tema do Prestixe, e toda esta obra está unida polo emprego dun estilo aparentemente sinxelo, de aspecto desaliñado, que busca chegar ao lector por un camiño máis corto”, comentou Castaño.
Destacou a obra de Rafa Villar, Paco Souto, Lupe Gómez, Eduardo Estévez ou María do Cebreiro, algúns dos cales serán os protagonistas de próximas sesións deste ciclo que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Universidade e que ten por obxectivo achegar os seus membros ao público, que así os poderá coñecer en persoa.

“Unha muller seria e reflexiva”

A catedrática de Filoloxía Galega e docente desta Universidade, Camiño Noia, definiu a Yolanda Castaño como “unha muller seria e reflexiva que se fixo a si mesma e buscou o seu propio camiño, unha poetisa que se afasta do sentimentalismo para falar da vida de hoxe, moi en unión coa súa xeración”. Durante a súa presentación destacou o feito de que con tan só dezasete anos publicase a súa primeira obra Elevar as palabras, gañadora do premio Fermín Bouza Brey.
Con anterioridade, mentres cursaba a licenciatura en Filoloxía Hispánica, organizou varios ciclos de recitais e creou a revista Valdeleite, co obxectivo de conseguir presenza pública para poetas e poetisas novos. Os estudos en audiovisuais completan a súa formación, o que lle permite adentrarse nos platós da Televisión de Galicia, primeiro a través do programa Mercuria, plataforma de exposición das vangardas artísticas actuais, e actualmente en Cifras e Letras, onde ofrece apuntes léxicos.