Este venres celebráronse en Vigo, o luns serán en Ourense e o mércores en Pontevedra
Un cento de docentes dos tres campus participan nunhas xornadas sobre transferencia de resultados da I+D+i
A idea é pórse ao día sobre as diferentes vías que teñen para achegar os resultados dos seus traball
Como se fai unha patente, cales son os requisitos que ten que considerar un investigador ou investigadora para poder protexer os resultados das súas investigacións, que é un secreto empresarial, como se arma un contrato, cal é o proceso para crear unha spin-off… Estes son algún dos temas que se están a tratar nas Xornadas A xeración de valor a partir da I+D, unha actividade organizada pola Vicerreitoría de Transferencia, en colaboración coa oficina de I+D, co obxectivo de axudar a difundir e promocionar as diferentes ferramentas e vías coas que conta a comunidade investigadora para facilitar o tránsito efectivo dos coñecementos xerados desde a Universidade cara á sociedade.
As xornadas vanse celebrar nos tres campus. Este venres arrancaron en Vigo con dúas sesións: unha no Edificio de Ciencias Experimentais e, outra, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O luns continuarán no Edificio de Ferro do campus de Ourense e o mércores 17 en Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, ambas sesións de 11.00 a 12.30 horas. En total inscribíronse nas xornadas preto dun cento de docentes: 44 no campus de Vigo, 29 en Ourense e 18 en Pontevedra.
“É posible facer transferencia desde calquera dos ámbitos”
“Decidimos organizar estas xornadas para intentar que as e os investigadores se animen a tentar conseguir o sexenio de transferencia, pois hai moitos docentes que aínda non teñen na súa dinámica do día a día facer transferencia e pensamos que este tipo de actividades poden ser un estímulo para que vexan que é posible facer transferencia desde calquera dos ámbitos que existen na Universidade”, explica a vicerreitora de Transferencia, Mª Consuelo Pérez, que insistiu na idea de que se pode facer transferencia desde calquera ámbito. “Evidentemente desde o ámbito tecnolóxico é desde o que máis transferencia se fai, seguido do xurídico-social, pero noutros como o científico aínda custa, non por falta de coñecemento ou capacidade, senón simplemente pola falla de hábito á hora de sentarse a negociar cunha empresa”, recalcou a vicerreitora.
A idea é achegar a Vicerreitoría de Transferencia, e máis concretamente a Oficina de I+D aos investigadores/as e amosarlles as vías que teñen para achegar os resultados dos seus traballos á sociedade, especialmente ás empresas -contratos de I+D, proxectos de I+D colaborativa, protección de resultados e explotación dos mesmos a través de licenzas ou creación de SpinOffs-, así como as vías de tramitación e procedementos dos que dispoñen. A maiores outro dos obxectivos é presentar os servizos de asesoramento e acompañamento que se prestan desde a OTRI para tratar de facilitar o traballo á comunidade investigadora e animala a facer transferencia.