DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Observatorio Municipal Galego

As deputacións galegas, financeiramente saneadas

As de Lugo e Ourense son as que contan con máis recursos por habitante

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 18/03/2024

As deputacións provinciais galegas son entidades financeiramente saneadas. Presentan un endebedamento moi baixo e mesmo nos anos de recesión económica constátase un saldo orzamentario axustado positivo. O groso dos seus orzamentos destínase a infraestrutura, servizos sociais e transferencias a outras administracións. Ourense e Lugo son as que contan con máis recursos por habitante. Estas son algunhas das conclusións recollidas nun informe feito público este luns polo Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, no marco das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo.

O documento de análise, titulado Comportamento orzamentario e fiscal das deputación provinciais, foi elaborado por Alberto Vaquero, codirector de Rede Localis, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e investigador do Governance and Economics Research Network (Gen) da UVigo. Segundo recolle o texto, as deputación provinciais galegas “son entidades financeiramente saneadas, grazas ao seu notable axuste nos seus niveis de endebedamento, sendo un resultado moi positivo e un claro indicador da súa mellor disposición económico-financeira para cumprir cun dos seus principais cometidos: a coordinación e integración dos servizos na xestión municipal, en especial naqueles municipios de menos de 20.000 habitantes”.

Porén, indícase no informe, a súa autonomía tributaria é moi limitada, dado que non teñen impostos propios nin cedidos, e dependen en case un 80% (de media nas catro provincias) das transferencias estatais. Segundo se detalla no documento publicado, en termos relativos as deputacións con máis recursos por habitante en 2022 son a de Ourense (362,2 euros) e Lugo (312,4 euros). As que menos, as de Pontevedra (213,8) e A Coruña (218,1). Porén, o volume dos orzamentos xestionados polas deputacións de Ourense e Lugo son moito menores: no 2022, con 92 e 97 millóns de euros, respectivamente, fronte aos 229 millóns da Coruña e os 171 millóns de Pontevedra. Esta cifra débese ao menor número de habitantes das primeiras, xa que a poboación determina as transferencias recibidas desde o estado, que son a principal vía de ingresos dos entes provinciais.

Distribución do orzamento

En canto á distribución destes orzamentos, no documento detállase que a maior parte destínase a actuacións de carácter económico (31,3%) en 2022, especialmente en infraestruturas (25%), e produción de bens públicos de carácter preferente (11,8%), sobre todo en cultura (6,2%), deporte (2,7%) e educación (2,1%). Séguenlle actuacións de protección e promoción social (16,3%), destacando servizos sociais e promoción (9,1%) e, finalmente, en servizos públicos básicos (9,4%), fundamentalmente en benestar comunitario (3,9%), vivenda e urbanismo (2,7%). En transferencias a outras administracións públicas as deputacións destinan o 11,9% dos seus gastos. O gasto en órganos de goberno ascende a 2,4% e en servizos de carácter xeral a 9,8%. A Deputación de Ourense é a que maior porcentaxe do seu orzamento dedica ao capítulo de gastos de persoal (35,2% fronte ao 26,2% de media).

Por último, o informe da Rede Localis sinala que a Lei 27/2013, de 27 de decembro, de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, reforzou o papel das deputacións provinciais ao sinalalas como responsables de comprobar que se cumpran unha serie de servizos públicos básicos para os cidadáns. “Isto pode chegar a afectar a 291 municipios en Galicia (92,7% do total), sendo especialmente relevante para os municipios de menos de 5000 habitantes (64,5%), onde reside o 15,3% da poboación”, recolle o documento.