DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo do bicentenario do seu falecemento

O historiador Jesús de Juana publica unha monografía sobre o deputado Ruiz de Padrón

A súa postura contra a Inquisición foi fundamental para a súa abolición nas Cortes de Cádiz

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Ourense 22/03/2024

Jesús de Juana, catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, acaba de presentar unha nova publicación, que leva por título Breve biografía de Ruiz de Padrón (1757-1823). Nela afonda na figura deste político cuxa postura contra a Inquisición, lembra o historiador, foi fundamental para a súa abolición nas Cortes de Cádiz.

O libro está editado polo Grupo Marcelo Macías de Colaboradores do Museo e Arquivo Provinciais de Ourense e a Deputación de Ourense e constitúe unha monografía do Boletín Avriense, do citado grupo e do Museo Arqueolóxico Provincial. Trátase dunha iniciativa enmarcada na celebración a finais do pasado ano do bicentenario do falecemento de Ruiz de Padrón, nado na illa de La Gomera, en Canarias, e falecido en Vilamartín de Valdeorras.

Unha época convulsa

No arranque da publicación Jesús de Juana sinala que “Antonio José Ruiz de Padrón, deputado doceanista, alcanzou en vida unha non escasa fama, sobre todo pola súa brillante alegación contra a Inquisición, fundamental para a súa abolición nas Cortes de Cádiz, e polas réplicas integristas que suscitaron os seus argumentos”. Neste senso tamén destaca “o longo e escandaloso proceso, e posterior reclusión, que padeceu coa restauración absolutista”. Na abundante historiografía que existe sobre a súa figura, comenta o catedrático da Facultade de Historia do campus de Ourense, “faise fincapé nestes acontecementos e na súa traxectoria vital, pero existen algúns puntos escuros e outros controvertidos” sobre os que a súa biografía tenta botar luz.

“Ruiz de Padrón foi un patriota antifrancés durante a invasión napoleónica a Galicia en 1809, católico ilustrado, reformista e universal, foi regalista, pero sen dúbida non foi rebelde a Roma e defendeu sempre as competencias e prerrogativas do Pontífice”, explica Jesús de Juana. No libro apunta que “podemos catalogalo, sobre todo sabendo a súa modesta participación nas Cortes de 1820, como liberal moderado, nalgúns ámbitos chamados tamén ‘jovellanistas’, pero ao que se atacou e perseguiu con certo ensañamento polo seu especial protagonismo na abolición da Inquisición”. Na biografía o historiador tamén fai fincapé en lembrar do homenaxeado, entre outros aspectos, o seu talante reformista, a súa formación ilustrada e tolerante e o seu compromiso coa liberdade e a rexeneración política, relixiosa e social dunha España que se atopaba na encrucillada intersecular da decadencia do Antigo Réxime e a dificultade de substituílo por un máis moderno e máis acorde cos novos tempos. “No fondo, e lamentablemente, Ruiz de Padrón foi protagonista e vítima dunha convulsa época”, subliña o autor do libro, onde lembra como Otero Pedrayo dixo do homenaxeado que "non era galego de nación. Foino, e iso é fermoso e conmovedor, de elección".