DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha serie de medicións que desenvolven ao longo da tempada

Investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte avalían a evolución física do primeiro equipo do Cisne

Co obxectivo de definir tanto a carga de adestramento como de previr lesións

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/04/2024

Obter un conxunto de datos sobre diferentes parámetros do rendemento físico, que permiten tanto definir a carga de adestramento, como observar a evolución dos xogadores do primeiro equipo. Isto é o que achega ao Club Cisne Balonmán a colaboración que mantén ao longo da presente tempada co Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Desde o inicio da pretempada, os integrantes do equipo de División de Honor Prata sométense na facultade a unha serie de avaliacións do rendemento, que permiten reunir información sobre máis de 50 variables, a través dun conxunto de probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade ou mobilidade articular. 

Como explica o responsable do laboratorio e decano da facultade, Óscar García, esta serie de probas, que se realizan ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Cisne e a UVigo, permiten “unha avaliación continua do rendemento” dos xogadores, achegando unha serie de datos que permiten ao seu preparador físico “mellorar o proceso de adestramento”. Con ese propósito, realizouse unha primeira avaliación grupal antes de iniciar a pretempada e outra ao seu remate, ás que se sumou a realizada a final da primeira volta da liga e a que levarase a cabo unha vez rematada. “Estas avaliacións indícannos se os efectos do adestramento axúdannos a manter estable a forma do equipo e a redefinir a planificación en caso de percibir algún efecto non desexado”, engade o preparador físico do Cisne e investigador do laboratorio, Javier Carballo, que sinala que estas probas, ás que se engaden outras de carácter individual, realízanse en “momentos estratéxicos da tempada”.

Da carga de adestramento á prevención de lesións

Como apunta Carballo, esta serie de avaliacións serviu en primeiro termo para coñecer “o estado de forma de partida dos deportistas”, o que permitiu definir as cargas de traballo e contribuír, desde a pretempada, “a construír a forma deportiva do equipo”. As medicións, engade, permiten tanto “definir valores xerais do equipo” como abordar aspectos específicos do estado de forma de cada xogador. Do mesmo xeito, “outro aspecto clave”, subliña García, “é que podemos detectar xogadores con determinados riscos de lesións”, o que permite orientar o traballo físico para tratar de reducir o risco de que se produzan, “aínda que evitalas por completo é case unha tarefa imposible”, engade Carballo.

O desenvolvemento dun equipo definido pola xuventude

Tras “unha primeira aproximación” a pasada tempada, este seguimento dos xogadores do Cisne, impulsado, como lembra García, grazas á implicación do que fora director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, Alfonso Mandado, levou nesta tempada a “organizar xa un calendario de traballo” cun grupo de deportistas que se caracteriza pola súa xuventude. “Son basicamente xogadores en formación, con potencial, e nós o que estamos facendo é un seguimento do seu rendemento e evolución a nivel condicional”, salienta o responsable deste laboratorio, que incide no positivo tanto de contribuír “a unha mellor construción destes xogadores”, como de transferir o coñecemento desenvolvido en materia de investigación “ás necesidades que poida ter o club”.

Neste aspecto incide tamén o presidente do Cisne, Santiago Picallo, que destaca como “moi positiva” esta colaboración, “polas características do noso equipo”, pola súa aposta pola canteira e polos xogadores novos, coa que conseguiu ademais competir na máxima categoría do balonmán español, a Liga Asobal, en dúas ocasións, nas tempadas 2020-2021 e 2022-2023. “Temos unha preocupación especial polo desenvolvemento físico dos rapaces e para nós este seguimento supón un paso adiante”, engade Picallo, que destaca que esta iniciativa permite que os deportistas “sigan medrando e facéndose mellores cada día”, á vez que pon o foco na importancia que ten para o club o desenvolvemento dos deportistas da súa canteira. Nesa mesma liña, Carballo lembra que outro dos obxectivos é “levar este modelo de rendemento á base do club” e que os xogadores comecen a adestrar “desde idades temperás para poder chegar ao primeiro equipo”. Para iso, engade, “debemos definir os factores determinantes do rendemento e a continuación desenvolver eses factores en función das fases sensibles dos deportistas máis novos”.