DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderá visitarse ata o 26 de abril na Escola de Enxeñaría Forestal

Literatura e natureza conéctanse nunha exposición sobre as flores e plantas presentes na obra de Rosalía de Castro

Reúne 40 fotografías das especies citadas pola escritora 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Feiras e exposicións
  • Reitor
  • Cultura
DUVI Pontevedra 16/04/2024

De rosas, margaritas ou violetas, a follas de carballo, castiñeiro ou salgueiro. Un total de 40 fotografías dalgunhas das especies vexetais máis presentes na obra literaria de Rosalía de Castro conforman a exposición O herbario de Rosalía, que desde este martes pode visitarse na Escola de Enxeñaría Forestal. Resultado do traballo interdisciplinar realizado pola filóloga María López Sández, a botánica María Isabel Fraga e o fotógrafo Miguel Fraga, a mostra percorre nestas semanas os tres campus da UVigo, froito da colaboración entre a Universidade e a Fundación Rosalía de Castro. 

Tras o seu paso polo edificio politécnico do campus de Ourense, a exposición pode verse ata o 26 de abril nesta escola, que acollía este martes un acto inaugural no que participaron o reitor, Manuel Reigosa, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o director da EE Forestal en funcións, Juan Picos, xunto con López Sández. Esta docente da Universidade de Santiago de Compostela (USC) afondou, nunha visita guiada, nas orixes dunha mostra que naceu como un “proxecto claramente interdisicplinar, que ten un pé na literatura e outro na botánica”. O resultado final é un “herbario artístico”, no que as imaxes acompáñanse de textos explicativos e dalgúns dos versos da que “é sen dúbida unha das grandes poetas da paisaxe”. 

Resultado dun proxecto que implicou “a lectura e baleirado da obra completa de Rosalía de Castro” para reunir todas as mencións a especies vexetais, o traballo que deu lugar a esta mostra permitiu constatar tamén, como resaltou López Sández, que o achegamento da autora á natureza “non é independente da súa visión global e da súa ideoloxía”. Neste punto, subliñou que a súa posta en cuestión “das xerarquías da época”, vese reflectida na súa posta en valor das especies vexetais "máis humildes”, que engloba  “unha tripla reivindicación, paisaxística, pero tamén lingüística e en termos de xénero”. Nesa mesma liña, o reitor subliñou que “Rosalía pintou unha Galicia galeguizada, de igualdade e sostible”, ideas que tamén se ven plasmadas no plan estratéxico da Universidade de Vigo. “Esa é a Galicia e a Universidade que queremos ser”, subliñou Reigosa, que avogou por “desenvolver un futuro que estea enraizado no noso pasado”. Por outra banda, as conexións entre a botánica e a literatura e as artes que implica esta mostra foron salientadas polo director da EE Forestal, que incidiu na importancia de que o alumnado de titulacións científico-técnicas poida achegarse ás “conexións” dos ámbitos nos que se forman con estas áreas. 

Cinco seccións

A orixe desta exposición está nun proxecto de investigación desenvolvido na USC e que levou á elaboración dun herbario con 150 pregos, dos que logo se realizou unha selección de 40 especies de flores, plantas e árbores para a realización das fotografías desta exposición. Complementada por unha serie de paneis explicativos e dun vídeo co recitado de versos de Rosalía xunto ás imaxes da herbario na súa totalidade, a mostra estrutúrase en cinco seccións. Unha delas está dedicada ás rosas, a especie máis presente na obra da poeta, “triplicando en número de mencións á segunda”, mentres que outra está centrada nas árbores, que representan sete das 15 especies máis citadas. A “grande abundancia” na súa produción literaria de “termos non específicos” vese representada á súa vez nos apartados dedicados ás “herbas do campo florido” e ás “herbiñas do camposanto”, completándose á exposición co apartado dedicado a outras flores, plantas e especies comestibles. 

Estreada en 2022 no Real Jardín Botánico de Madrid, O herbario de Rosalía percorre nestas semanas os tres campus da UVigo, froito da colaboración entre a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, a Área de Normalización Lingüística e as vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra, xunto coa Fundación Rosalía de Castro. Tras a súa exhibición en Pontevedra, a mostra trasladarase ao edificio Redeiras, en Vigo, onde poderá visitarse entre o 30 de abril e o 10 de maio.