DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana arrancou unha nova edición do proxecto de democratización do saber da UVigo

As mareas de coñecemento chegan este ano aos concellos de Covelo, O Rosal, Poio, Allariz, Lalín e Ribadavia

Ofrecen seminarios sobre diferentes temáticas á poboación rural maior de 50 anos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Democracia
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 19/04/2024

Un ano máis, as Mareas do Coñecemento da Universidade de Vigo poñen rumbo ao rural galego para tratar de democratizar o acceso ao saber científico, artístico e tecnolóxico entre a poboación sénior. Esta iniciativa, que arrancou en 2018, é unha aposta da institución académica pola formación ao longo da vida e por estender a docencia e a divulgación máis aló dos campus. Deste xeito, con programas específicos para cada concello, búscase expandir as actividades formativas do Programa para Maiores á poboación maior de 50 anos das diferentes comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense. Este ano serán seis as vilas que se unen a este programa: O Rosal, Poio, Allariz, Lalín, Ribadavia e Covelo, onde onte arrancaron as actividades desta nova edición.

O proxecto de democratización do coñecemento, como explica a coordinadora do Programa para Maiores da UVigo, a profesora Carmen María Abreu, “encádrase dentro da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores” creada polas tres universidades galegas para facer fronte dende o eido universitario aos retos derivados do envellecemento poboacional. A finalidade é, como se reflicte no seu nome, favorecer a democratización do coñecemento potenciando e difundindo o saber científico e artístico entre toda a poboación maiores de 50 anos. As accesións específicas van dirixidas a acadar catro obxectivos. Por unha banda, conciencia, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día para revalorizar o patrimonio. Por outra banda, trátase de recoñecer o valor das disciplinas artísticas, mentres que tamén se aposta por adaptar e coñecer as competencias socio-sanitarias dos principios do envellecemento activo. Finalmente, tamén se procura mellor a calidade de vida o benestar das persoas participantes, fomentando a participación e o exercicio intelectual. En cada un dos concellos participantes impartiranse tres ou catro seminarios de diferentes temáticas, con sesións teóricas e prácticas de man de profesorado da Universidade de Vigo especializados nesta campos. 

Contidos adaptados a cada concello e comarca

Os contidos do programa están deseñados especificamente para cada unha das comarcas, en colaboración co concello organizador. Un dos temas está sempre acorde ás necesidades dos veciños e veciñas, outro terá o propósito de coñecer, identificar e valorar o seu patrimonio, comprendido non só como patrimonio histórico e artístico, senón tamén como patrimonio arquitectónico, cultural, natural, musical e etnolóxico, e o último buscará mellorar a súa saúde mediante exercicios e consellos sobre a alimentación propia da zona. En xeral, sempre se ofertan contidos de patrimonio local e saúde, e ademais os concellos poden elixir para un seminario unha temática entre ecoloxía, sostibilidade e tecnoloxía. En total, nesta edición o programa en cada concello ten unha duración que varía entre as 10 e as 16 horas, dependendo da cantidade de sesións e seminarios organizados.

O concello de Covelo foi o primeiro en estrear esta nova edición este martes, cun primeiro seminario, centrado na saúde, no que os profesores profesores José Luis García Soidán e Antonio Vázquez Saborido explicaron ás persoas asistentes a importancia dunha alimentación equilibrada e os beneficios do consumo de alimentos locais, sostibles, saudables e de temporada. A sesión práctica deste primeiro seminario tivo lugar onte xoves  cunha ruta radio saudable. Neste concello o programa comprenderá tamén un seminario sobre pilates e outro sobre historia e patrimonio cultural de Covelo, con varias sesións en datas aínda por determinar.

Tamén esta semana comezou o programa no concello de Lalín. O mércores tivo lugar o primeiro seminario, de carácter teórico-práctico e centrado no benestar emocional e a calidade de vida, impartido pola profesora Isabel Ferreiro, do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa. Ao longo da próximas semanas tamén se impartirán neste concello do Deza seminarios de pilates, de saúde e benestar, centrados na nutrición e o exercicio, incluíndo un roteiro cardio-saudable, e finalmente, de novas tecnoloxías, abordando o uso dos teléfonos móbiles e as redes sociais.

O resto dos concellos comezarán ao longo do mes de maio

O resto dos concellos comezarán as actividades ao longo do mes de maio. En Allariz a organización apostou por un seminario sobre arte e historia, poñendo o foco no xacemento de Armea e na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas e outro sobre materia fiscal. No Rosal tamén se optou polo pilates, a nutrición e o exercicio como base da saúde e a historia e o patrimonio da contorna do concello. En Poio, pola súa banda, elixiuse tamén o pilates, así como un taller sobre o uso do móbil como ferramenta tecnolóxica e outro sobre saúde centrado na alimentación e a actividade física. Finalmente, en Ribadavia repetirase este esquema con sesións de pilates e talleres sobre o uso do teléfono e sobre a importancia da alimentación para saúde, aspecto este último co que se relacionará unha cata de produtos autóctonos.