DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seleccionaranse 100 estudantes de 1º de grao para realizar o exame CertAcles de B1 de balde

A UVigo lanza un plan integral de preparación e acreditación do inglés para o estudantado

Previamente realizarán un curso preparatorio da man do Centro de Linguas

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
DUVI 12/03/2024

Un dos tres piares sobre os que se asenta o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo 2021-2026 é a internacionalización. Xunto coa defensa da igualdade e o fomento da lingua galega, este é un valor fundamental e unha liña de traballo esencial para a institución. A última medida posta en marcha neste sentido é o Plan Integral de Preparación e Acreditación do Inglés (PIPA) que, como explica a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, ten como obxectivo potenciar a formación do alumnado e tamén a acreditación dos seus coñecemento de lingua inglesa, porque esa certificación “é necesaria para traballos, oposicións, concursos, etc”. No marco deste programa, a institución facilitará que, cada ano académico, parte do alumnado de novo ingreso realice un curso preparatorio e acceda ás probas de certificación CertAcles, de balde. 

A vicerreitora destaca que medidas enmárcanse dentro dun plan piloto impulsado polo equipo de goberno para a mellora do dominio do inglés da comunidade universitaria nos tres campus. “Barallamos diversas opcións de actividades e formación, pero ante a gran diversidade de niveis, centros e casuísticas, optamos por comezar facendo unha proba de diagnose do alumnado do primeiro curso de grao de todas as titulacións dos tres campus para ver con que nivel entran na Universidade e, a partir dos datos, analizar como abordar esta formación”. Esa diagnose tivo lugar en decembro e nela participaron 1167 estudantes dos tres campus. “Sorprendeunos moito o feito de que maior parte do alumnado está na franxa do B1 e poucos acadaron un nivel de B2 nesa proba, polo que pensamos que o mellor sería ofrecer unha formación e acreditación de B1 para o alumnado de novo ingreso”. A idea, como traslada a vicerreitora, é que as e os estudantes “sexan conscientes na necesidade de seguir formándose na aprendizaxe do inglés durante a súa etapa universidade” coa vista posta en que rematen os seus estudos “contando cun C1 ou polo menos un B2”.

Aberto un novo proceso de diagnose

Tras a primeira diagnose realizada a finais do pasado ano, a Vicerreitoría de Internacionalización abre agora un novo proceso de avaliación para estudantes de 1º de grao que non participasen no primeiro chamamento e que poderán realizar a proba ata o vindeiro 17 de marzo en modalidade virtual a través de Moovi.

De entre todos os alumnos e alumnas participantes nestas dúas probas de nivel, unha comisión avaliadora seleccionará, como destaca o director de Área de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, ata 100 estudantes que poderán participar nun curso preparatorio que impartirá o Centro de Linguas no mes de abril para logo presentarse ás probas para obter o certificado CertAcles para o nivel B1. Deste xeito, este cento de estudantes poderá completar todo este proceso de balde, sen facerse cargo do custe do curso nin das taxas do exame, que lle corresponderán á Universidade de Vigo.

10 horas de formación e clases presenciais nos tres campus

O curso comprenderá 10 horas de formación, 8 delas en modalidade virtual asíncrona en Moovi, é dicir, de traballo autónomo, e outras 2 presenciais, que se impartirán nos tres campus entre o 2 e o 3 de maio en quendas de mañá e tarde. Esta formación permitirá que o alumnado participante se familiarice coas distintas probas do exame e a tipoloxía de tarefas de cada unha das probas. 

Unha vez completado este curso e asistindo a un mínimo do 85% das horas, o alumnado terá dereito a presentarse ao exame CertAcles de acreditación de nivel B1 gratuitamente. A proba será presencial no campus de Vigo o día 16 de maio. Como destaca Óscar Ferreiro, “as acreditacións de nivel CertAcles teñen validez en todo o Espazo Europeo de Educación Superior, o que significa que a van aceptar en calquera universidade europea”. 

Unha experiencia que nace con vocación de continuidade

A vicerreitora Maribel del Pozo explica que esta primeira será a experiencia piloto, pero que se trata dunha iniciativa que nace con vocación de continuidade. “A idea é poder repetila nos vindeiros anos, de xeito que se lle ofreza esta oportunidade a cada unha das novas promocións que entran en 1º de grao na Universidade de Vigo” e fai fincapé na importancia de concienciar o alumnado na importancia da formación e da acreditación dos seus coñecementos e tamén de que coñezan os servizos que ofrece o Centro de Linguas da UVigo para axudalos a mellor as súas competencias.