DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar no campus do 18 ao 20 de marzo

Unhas xornadas analizarán o papel do traballo social ante os grandes desafíos da sociedade

Especialistas do eido académico e profesional afondarán nos retos do paradigma eco-social

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 12/03/2024

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá do 18 ao 20 de marzo a celebración das I Xornadas de Traballo Social Eco-Social. A cita terá lugar coincidindo coa conmemoración o 19 de marzo do Día Mundial do Traballo Social e tomando como lema o seu, Bo vivir: un cambio transformador para un mundo compartido.

A actividade está organizada por persoal docente e investigador desta facultade (onde se imparte o Grao en Traballo Social), concretamente por Francisco Xabier Aguiar, Mónica López e Evelia Murcia, contando co apoio da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo. “O mundo vive unha crise sistémica sen precedentes con graves impactos en todas as formas de vida que evidencian a relación existente entre a xustiza social e ambiental”, sinalan desde a actividade. Os desafíos contemporáneos, engaden, “retan con carácter urxente ao traballo social para que adopte enfoques innovadores que prioricen un verdadeiro benestar, con raíces na comunidade e na interrelación e interdependencia profunda das persoas cos bens naturais, tal e como nos ten transmitido a sabedoría indíxena”.

Conferencias, mesas redondas, obradoiros e exposicións

Neste contexto, os obxectivos das I Xornadas de Traballo Social Eco-Social son analizar os principais elementos e retos do paradigma eco-social no traballo social, para o seu desenvolvemento teórico e práctico, e reflexionar sobre os distintos aspectos presentes na crise sistémica (clima, territorio, enerxía, alimentación, produción e consumo, relacións e coidados...), identificando as súas interseccións co traballo social. Igualmente, con elas quérese coñecer e (recoñecer) as boas prácticas e experiencias “de acción e resistencia, establecer alianzas e contribuír desde o traballo social á transición sistémica e xeración activa de alternativas e solucións”.

Os tres días programación arrancarán o luns pola tarde cunha conferencia sobre o traballo social ante a emerxencia climática e sistémica; unha mesa redonda sobre comunidades resilientes nun mundo compartido e a presentación da exposición fotográfica A muller na historia, da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense. O martes, Día Mundial do Traballo Social, falarase sobre a transición do mito do crecemento ao decrecemento; sobre a defensa do territorio e traballo social e sobre a economía desde un ollar eco-social e de compromiso co territorio. Para rematar, o mércores haberá intervencións sobre como avanzar cara a un traballo social eco-social; a práctica política dende o traballo social e a  revolución dos coidados desde unha ollada eco-feminista, para rematar con obradoiros sobre a metodoloxía socio-afectiva como ferramenta aplicada neste eido e a biodanza para abonar os coidados comunitarios e a cultura do bo trato. Nas sesións participarán especialistas tanto do eido académico como profesional.

A actividade é aberta á participación de profesionais, alumnado e comunidade en xeral,  co obxectivo de que a facultade “se converta nun punto de encontro e referencia no que debater e avanzar neste importante reto que temos por diante”.