Todo comezou fai case dous anos cando Manuel Losada, veciño do concello ourensán de Allariz, descubriu na ladeira este do Monte Señoriño, en Armea, unhas estruturas rupestres apenas visibles entre a maleza. Entre a expectación suscitada, o pasado verán o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo realizou unha primeira campaña arqueolóxica para limpar, descubrir e conservar o lugar. Este martes, os arqueólogos volveron ao lugar para comezar a segunda campaña de traballos neste enclave, que se prolongarán ata o 10 de agosto e que ten como obxectivos principais delimitar a dimensión real do complexo, que sospeitan se estende por unha hectárea da contorna, e entender a súa funcionalidade no momento en que foi creado arredor do século I. Unha vintena de técnicos traballarán durante as vindeiras seis semanas nestas tarefas.
03/07/2012