DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión do proxecto europeo Firepoctep+, coordinado pola Universidade de Vigo

17 institucións españolas e portuguesas abordan en Pontevedra como previr os incendios forestais da próxima década 

O seu obxectivo é identificar puntos clave na prevención e diminución dos efectos dos grandes lumes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/04/2024

“Non basta previr os incendios do próximo verán, debemos previr os incendios da próxima década”. Esta foi unha das ideas subliñadas na tarde deste luns polos responsables do proxecto Firepoctep+, que ten como obxectivo identificar zonas clave na prevención e diminución dos efectos dos grandes incendios nas zonas fronteirizas entre España e Portugal. O Museo de Pontevedra acolleu a presentación en Galicia dun proxecto liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo e no que participan 17 institucións e entidades dos dous países. Coa participación de máis de 40 representantes dos diferentes socios, esta xuntanza tiña como obxectivo a posta en común das tarefas que está previsto levar a cabo nos diferentes paquetes de traballo dun proxecto financiado con 3,3 millóns de euros e que se estenderá ata 2026. 

Cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España Portugal 2021-2027 (POCTEP), Firepoctep+ ten como investigador principal ao director en funcións da EE Forestal, Juan Picos, que na tarde deste luns encargábase de presentar as liñas centrais do proxecto, xunto cos coordinadores das diferentes actividades. Previamente, o encontro arrancou cunha benvida institucional na que participaron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa,; o deputado provincial Roberto Carrero e o xefe provincial do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta. A continuación, a reunión abriuse cun relatorio sobre a problemática dos incendios en Galicia e no norte de Portugal, a cargo de José Antonio Vega, exdirector do Departamento de Incendios do CIF Lourizán e exprofesor da EE Forestal. 

“Sementar intelixencia preventiva”

Designado proxecto de importancia estratéxica polo comité de seguimento do programa Interreg España-Portugal, Firepoctep+ ten entre os seus eixes de actuación a identificación de zonas estratéxicas de xestión en diferentes áreas piloto ao longo da fronteira. Trátase de puntos que resultan clave no comportamento dos grandes incendios e nos que unha actuación preventiva permitiría reducir a súa intensidade. Nese senso, ademais de localizalos, o proxecto abrangue tamén definir que accións poden levarse a cabo nestes puntos coa implicación dos axentes locais. A idea, explican os seus responsables, é que naqueles puntos estratéxicos nos que sexa necesario un cambio na vexetación, esta poida ligarse a actividades produtivas, como cultivos. De aí que un dos seus piares, como subliñou Picos, sexa o de “sementar intelixencia preventiva no territorio: saber dirixir as accións preventivas a aqueles lugares onde sexan máis eficaces” e conseguir implantar nestes “actividades produtivas que garantan o seu mantemento a longo prazo e reforcen o vínculo á poboación”.  

Outra das áreas de traballo é a formación dos operativos de extinción, tendo en conta o “cambio de estratexia” que suporía pór o foco nas zonas estratéxicas de xestión. “Non se necesitan heroes, necesítanse profesionais valorados, con coñecementos e medios adecuados, que poidan actuar con seguridade nun territorio preparado”, engadiu Picos, que subliñou que facer fronte aos chamados “grandes incendios” require tanto de “formación específica” como de coordinación entre dispositivos de distintas rexións ou países. Nese senso, outro dos obxectivos do proxecto é definir propostas de mellora que permitan superar diferencias lexislativas e de xestión, xunto coa formación e sensibilización da poboación rural. “Paisaxe, paisanaxe e profesionais”, concluíu o responsable deste proxecto, constitúen “as tres pancas contra os grandes incendios forestais”.

Ademais do director da EE Forestal, nesta mesa interviron tamén Francisco Senra, da Agencia de Medio Ambiente y Agua de Andalucía, que debullou as accións orientadas á mellora da resiliencia da paisaxe ante os grandes incendios a partir de “actuacións participativas”; o investigador da Universidad de Extremadura Juan Carlos Giménez, que afondou nas tarefas centradas na mobilización de recursos endóxenos. Outro dos paquetes de traballo pon o foco na mellora da “interoperatibilidade” entre efectivos e ten como coordinador á Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil de Portugal, mentres que o orientado á “cocreación de solucións innovadoras” foi abordado neste encontro por José Manuel Requena, da Fundación Finnova.

17 socios de ambos lados da ‘raia’

Xunto á UVigo e ás entidades coordinadoras das diferentes liñas de traballo, neste proxecto participan tamén a Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia; Feuga, responsable das iniciativas de difusión; EnergyLab; as universidades de Huelva, Córdoba e Évora; a Deputación Provincial de Ávila; as comunidades intermunicipais da Rexión de Coimbra, Alto Minho e Algarve, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Algarve e a Junta de Andalucía.

Boa parte destas entidades formaran previamente de Firepoctep,  un proxecto financiado tamén polo programa Poctep que tivo entre as súas liñas centrais de traballo o deseño de metodoloxías para a identificación das zonas estratéxicas de xestión. “A experiencia e o coñecemento adquirido ao longo da raia hispano-portuguesa é crucial para que toda Europa poida afrontar os riscos futuros derivados dos incendios”, sinalou Picos neste encontro, que se completou coas reunións dos diferentes grupos de traballo. 

A actividade continúa mañá martes cunha saída de campo á zona de Figueirido, Cotorredondo e lago Castiñeiras, dirixida a presentar os traballos que os investigadores da EE Forestal desenvolven na área piloto sur da provincia de Pontevedra.