Profesionais retirados colaborarán nesta iniciativa de maneira voluntaria
Un acordo coa asociación Secot facilitaralle ‘apoio sénior’ ao alumnado con ideas de emprendemento
Inclúese tutela e asesoramento para os participantes de programas como Incuvi ou Santander Explorer
A Universidade de Vigo segue sumando alianzas no seu forte apoio ao emprendemento universitario e faino, nesta ocasión, coa sinatura dun convenio de colaboración coa asociación Seniors Españois para a Cooperación Técnica, Secot, un novo acordo estratéxico que, a xuízo dos asinantes, “beneficiará tanto á comunidade universitaria como aos membros sénior de Secot”. O obxectivo principal desta alianza é a realización de actividades centradas fundamentalmente no fomento do emprendemento entre o alumnado da UVigo.
Como aspectos destacados inclúese a tutela e asesoramento en materia de emprendemento aos estudantes que participen en programas específicos de desenvolvemento de ideas de negocios, como é o caso de Incuvi ou Santander Explorer, entre outros. “Estamos ante unha oportunidade moi boa para enriquecer a experiencia educativa do noso alumnado e de fortalecer os nosos lazos coa comunidade”, explica a directora da Área de Emprego, Maruxa Álvarez, insistindo na idea de que o compromiso da institución académica viguesa co fomento do ecosistema emprendedor “e a colaboración con institucións como Secot permítennos avanzar cara eses obxectivos”. Pola súa banda, o presidente da delegación de Secot en Vigo, Ramón Santorio, amosou tamén a súa satisfacción, xa que esta alianza permitiralles “compartir os nosos coñecementos e experiencia coa próxima xeración de profesionais, ao tempo que seguimos contribuíndo ao desenvolvemento da nosa comunidade”.
O convenio, que contempla outras colaboracións de interese mutuo, inscríbese no compromiso de ambas institucións por contribuír ao progreso e desenvolvemento da sociedade, promovendo a aprendizaxe, a investigación e a igualdade de oportunidades e, por tanto, impactando nos ODS 4, 8, 10 e 17.