DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado polo investigador do Laboratorio de Filoxenómica e do Cinbio João Fernandes Alves

A AECC financia un estudo da UVigo sobre as células tumorais circulantes como ferramentas para a medicina de precisión no cancro colorrectal

Contribuirá a identificar patróns moleculares que sexan indicadores da agresividade dos tumores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
M. Del Río DUVI 16/12/2020

O cancro lévase, cada día, a vida de 300 persoas en España. Pero a investigación en tratamentos e prevención avanza constantemente e algúns tumores xa teñen unha taxa de supervivencia do 90%. Isto, segundo a Asociación Española contra o Cancro, demostra que a ciencia salva vidas, motivo polo que a AECC se ten convertido na entidade social e privada que máis fondos destina para a investigación en cancro.

Na convocatoria deste 2020, un dos proxectos seleccionados está impulsado polo investigador do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo e do Centro de Investigacións Biomédicas João Miguel Fernandes Alves, que recibirá unha achega de 200.000 euros para estudar durante os próximos dous anos as características das células tumorais circulantes como ferramentas para a medicina de precisión no cancro colorrectal. Trátase dun proxecto que pon o foco na medicina personalizada tratando de revelar as características do cancro de cada paciente co fin de guiar, optimizar e xestionar estratexias terapéuticas específicas máis efectivas.

O investigador explica que neste proxecto se integran as estratexias de xenómica molecular e poboacional co obxectivo de identificar biomarcadores prognósticos e preditivos en cancro colorrectal empregando a biopsia líquida. Fronte ás biopsias tradicionais, que proporcionan información limitada sobre o panorama mutacional de cada tumor, a idea dos investigadores vigueses é colleitar subconxuntos de células circulantes tumorais (CTCs) que se atopan no sangue a través de biopsias líquidas. Deste xeito óptase por empregar extraccións de sangue "non invasivas" de pacientes oncolóxicos, co obxectivo de avaliar unha posible correlación entre a diversidade xenómica destas células e a progresión tumoral e a supervivencia en pacientes de cancro colorrectal.

No proxecto participa tamén o catedrático David Posada, como supervisor, e colaboran na recollida das mostras de pacientes o CHUO e Hospital Álvaro Cunqueiro, en concreto os doutores Joaquín Cubiella e Mercedes Salgado, no caso do hospital ourensán, e Paula González Villarroel, en Vigo. 

Un acto para visibilizar a importancia da investigación

Para facer pública a concesión desta axuda, o Concello de Vigo acolleu este mércores un acto no que participaron a presidenta provincial de Pontevedra da AECC, María del Carmen Abeledo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; João Miguel Fernandes Alves e Mónica Martínez, investigadora do CiMUS da USC, que recibiu unha axuda na convocatoria do pasado ano. 

No acto, Carmen Abeledo, presidenta provincial de Pontevedra da AECC, remarcou a importancia de unir esforzos na loita contra o cancro, sinalando que “é unha enfermidade que nos afecta a todos, non só á persoa que recibe o diagnóstico, senón a todas as que están ao seu arredor”. De feito, na provincia de Pontevedra, segundo o Observatorio da AECC diagnosticáronse 6117 casos de cancro en 2019, sendo os tumores máis frecuentes e por orde de incidencia os de colon, próstata, mama e pulmón. “Só se o conxunto da sociedade se une poderemos facer fronte ao cancro. Grazas á investigación acadamos un índice de supervivencia dun 57% de media a cinco anos e nalgúns tumores frecuentes, como o de mama, acada o 90%. Non obstante, debemos seguir apostando pola investigación, é fundamental para conseguir un 70% de supervivencia no ano 2030”, remarcaba Abeledo.

De cara a unha medicina personalizada

Para Alves, esta axuda da AECC é moi importante “xa que creo que esta investigación poderá contribuír á identificación tanto de patróns ou eventos moleculares que sexan indicadores da agresividade dos tumores e que, á larga, serán moi útiles na clínica para a estratificación de pacientes e a medicina personalizada”, que permitirá guiar, optimizar e xestionar estratexias terapéuticas específicas máis efectivas. 

O feito de que os tumores individuais amosen unha heteroxeneidade xenómica substancial, é dicir, que dentro do tumor haxa células con diferentes características xenéticas, “ten profundas implicacións nos métodos actuais de diagnose e tratamento do cancro”.  Non obstante, ata agora os estudos que exploran a importancia clínica das células circulantes tumorais (CTCs) tense centrado principalmente en contaxes celulares, cando os estudos recentes teñen demostrado que as CTCs conforman unha poboación de células xeneticamente distintas, de maneira que a incorporación desta información xenética podería aumentar o valor clínico das CTCs.  Así, dende a asociación seleccionaron este proxecto vigués porque o seu obxectivo é “avaliar a posible correlación de diversidade xenómica de CTCs coa progresión tumoral e a supervivencia en cancro colorrectal e isto aumentará significativamente o coñecemento sobre o uso de información derivada de CTCs para o manexo de pacientes e a medicina personalizada”. 

Medio millón de euros para proxectos galegos

En total, nesta convocatoria a AECC destinou 537.124 euros a proxectos galegos, distribuídos entre a investigación de João Miguel Fernandes Alves; outra liderada por José Castro Tubío, do Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas – CiMUS, da USC;  unha Idea Semilla desenvolvida polo equipo de José Martínez Costas (CiQUS); unha axuda para clínicos de formación para a doutora Paloma Sosa (CHUS-IDIS) e tres prácticas de laboratorio para estudantes da UDC e CiMUS.