DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Museo do Mar exporá os resultados das campañas de investigación biolóxica

Un altofalante para as actividades do campus máis excelente

Un gabinete científico dará carácter estrutural a todas as iniciativas divulgativas do Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 19/01/2011
Noemí Rey | Vigo
Unha aposta pola investigación mariña co Campus do Mar como paraugas. Esta é a idea coa que nace o gabinete científico do Museo do Mar de Galicia, unha sala de preto de 150 metros cadrados que acollerá os resultados das campañas de investigación biolóxica desenvolvidas polas institucións científicas galegas e que “anticipará unha infraestrutura de divulgación” a todas as iniciativas relacionadas co Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Vigo. “Cando comezamos a traballar sobre a candidatura do Campus do Mar xurdiu a idea de crear un espazo no propio museo onde tiveran cabida os traballos de campo da universidade, do CSIC ou de calquera institución ligada. É un camiño a longo prazo”, explica Pablo Carrera, director do Museo do Mar, que presentou hoxe a nova programación desta institución para o ano 2011.

O gabinete científico vaise a estrear coa ordenación dos fondos sobre especies ictiolóxicas en Terranova, Galicia e Liberia do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, recollidas na campaña máis exhaustiva levada a cabo neste caladoiro, e coa posta en valor das coleccións de invertebrados del Hatton Bank, no Mar do Norte, un traballo que contribuíu enormemente á concienciación da comunidade científica mundial sobre a enorme biodiversidade desa área. A idea é facer este tipo de investigacións máis atractivas para o público, que “o espazo sexa renovado en función dos proxectos divulgativos que vaian xurdindo co Campus do Mar” e darlle “certo carácter estrutural” a todo o que se move ao seu redor. A programación tamén contará con obradoiros ligados directa ou indirectamente a proxectos de investigación.

A sala, ampla e situada no centro do Museo do Mar, será unha zona de acceso gratuíto para todos os visitantes, que poderán visitala independentemente de que despois queiran acceder á zona coa exposición permanente e de pago coas que conta o museo.

Traballos de futuro

Cun convenio de colaboración específico asinado en novembro entre Museo do Mar e Universidade de Vigo, o novo gabinete, do que forma parte a Facultade de Ciencias do Mar, porá un especial énfase na necesidade de preservar os ecosistemas máis vulnerables do mar, como os fondos coralinos de profundidade. Ademais, traballará en programas de investigación sobre a historia do corso galego centrada nos séculos XVIII e XIX, sobre a pesca de arrastre e de cerco en Galicia e, coa Universidade Central de Barcelona, sobre o devir das factorías das baleas.