DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha aula aberta con deseñadores de Brazolinda

Alumnado dos diferentes graos de Educación e Traballo Social familiarízase coas potencialidades dos xogos de mesa

Afondaron no seu papel na promoción de valores positivos en contextos educativos e sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 28/02/2024

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este mércores unha nova sesión da súa aula aberta, titulada Aprendemos a xogar con Brazolinda. Nela, Irimia Fernández e Brais Fernández, deseñadores dos xogos de mesa en galego Brazolinda, traballaron con alumnado dos diferentes graos do centro (Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social) arredor das potencialidades do xogo de mesa e colaborativo para a promoción de valores positivos en contextos educativos e sociais. A través de sesións eminentemente aplicadas, o alumnado puido experimentar con diferentes xogos, “pensados para que participen grandes e pequenos” e nos que alén de abordar un contido concreto, como a mitoloxía ou as matemáticas, tamén se traballan actitudes das persoas, como aprender a escoitar, a comunicarse e a colaborar. A actividade contou co apoio da Vicerreitoría do campus e da Área de Normalización Lingüística da UVigo.