DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo á comunidade

Alumnado do Grao de Turismo deseñará unha ruta adaptada a persoas con diversidade funcional e intelectual

Dedica especial atención á discapacidade visual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 28/11/2023

No Grao de Turismo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense estase a desenvolver un proxecto de aprendizaxe servizo á comunidade centrado en facer ao seu alumnado consciente e partícipe das necesidades que teñen as persoas con diversidade funcional e intelectual, especialmente con discapacidade visual, para poder gozar do tempo de ocio.

A iniciativa está apoiada pola convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo 2023/2024 no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS, da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo. Concretamente, o proxecto leva por título Turismo con Sentido e nace vinculado ás materias do Grao de Turismo Márketing turístico, Creación e viabilidade de empresas e Promoción turística, impartidas polas profesoras e promotoras da proxecto Elisa Alén (coordinadora), Trinidad Domínguez, Noelia Araújo e Lucía Rubio. Ademais, no seu desenvolvemento colabora a organización nacional de cegos Once. Aínda que con actividades abertas ao alumnado das diferentes materias, o proxecto conta con tres estudantes expresamente implicados no seu desenvolvemento: Gabriel Capelo, Iria Cebreiros e Carlotta Renko.

A proposta lígase cos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, xa que pretende que o alumnado adquira coñecementos teóricos e prácticos para promover o desenvolvemento sostible e a igualdade, ademais de promover e potenciar a inclusión de todas persoas independentemente da súa condición. O proxecto dá continuidade ao realizado o pasado curso académico ao abeiro da mesma convocatoria, titulado Naturalmente con Sentido. “Seguimos profundando na idea de deseñar un produto turístico para que sexa gozado por persoas con discapacidade funcional (xordeira, cegueira, mobilidade reducida...) ou intelectual (down, trastornos do espectro autista...). No proxecto que realizamos no curso 2022/2023 quedou pendente, tras a identificación e análise das necesidades das persoas con discapacidade funcional, o deseño dun produto turístico que permita que estas persoas vivan unha experiencia turística satisfactoria”, sinalan.

Análise e sensibilización

O proxecto Turismo con Sentido arrancou en outubro e contempla diferentes etapas, entre elas a análise dos requirimentos da demanda potencial e a identificación de necesidades a través de reunións de grupo en Once, nas que se recollen as súas preferencias e experiencias turísticas. Ademais, estudantes do Grao de Turismo participaron recentemente nunha formación de sensibilización sobre os problemas da baixa visión e para introducirse na técnica do guiado de persoas con discapacidade visual, que foi ofrecida pola técnica de rehabilitación da Once María Cruzado. A actividade tratou de achegar ao alumnado como é o trato cunha persoa con discapacidade visual e puxo ás e aos participantes na súa pel a través de diferentes dinámicas prácticas. Tamén haberá una visita a un recurso turístico e a conseguinte análise da contorna e identificación de zonas de potencial inclusión.

A programación do proxecto continuará as vindeiras semanas co deseño dunha ruta baseándose nas demandas dos colectivos obxectivo, xerando “propostas no medio natural sostibles, inclusivas e adaptadas ás capacidades das persoas ás que van dirixidas”. A ruta deseñada será avaliada a través da visita in situ de persoas con diversidade. A idea, indican desde a organización, é usar como base o coñecemento sobre turismo accesible, rutas turísticas e patrimonio para facer unha proposta inclusiva, levando a cabo un proxecto que permita ao alumnado de Turismo facerse consciente da heteroxeneidade das necesidades das e dos turistas mentres realizan un servizo á comunidade.