DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre outros temas, explicouse o proxecto do novo edificio de Aeroespacial

A ampliación da zona universitaria centra a primeira sesión deste curso do Consello de Campus

Tamén se falou do soterramento parcial da avenida Otero Pedrayo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 11/10/2023

O Consello de Campus de Ourense celebrou este mércores a súa primeira sesión do curso académico 2023/2024. Nela abordouse o estado de desenvolvemento e as perspectivas de futuro dalgúns dos principais retos que afronta o campus os vindeiros meses, facendo especial fincapé nas súas necesidade e demandas de ampliación de espazos. Igualmente, destacouse como este curso se celebrarán os 50 anos da universidade en Ourense coa creación en 1973 do entón Colexio Universitario.

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, presidiu a sesión deste Consello de Campus. Na súa intervención quixo “lembrar algunhas das liñas do que queremos desenvolver no campus de Ourense durante o ano para que todos poidamos estar aliñados”. Na actualidade, dixo o responsable institución “temos moita ilusión na ampliación do campus, no soterramento de parte da avenida Otero Pedrayo para poder comunicar os dous campus en superficie”. Igualmente, engadiu respecto a outros retos para  o curso 2023/2024, “estamos moi ilusionados co que poida pasar coa acreditación do Campus Auga, que sería unha cousa moi boa para todo o campus, non só para as titulacións directamente atinxidas senón para o conxunto do campus”. Ademais indicou que “esperamos que tamén dentro do mapa de titulacións poidamos ter algunha novidade para o campus de Ourense”.

Un novo edificio

Para falar en detalle dunha das actuacións máis avanzadas para a habilitación de novos espazos no campus de Ourense interveu neste Consello de Campus José Luís Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo. El foi o encargado de explicar en detalle os resultados do concurso de ideas realizado pola institución académica para a construción do edificio que acollerá a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Das doce presentadas, a elixida foi a asinada por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, de Madrid, chamada O Camaleón. Os honorarios do concurso, indicou o vicereitor, foron 323.000 euros máis IVE (para a redacción do proxecto básico, o proxecto de execución e a dirección da obra) e arredor de 30.000 euros en premios do certame (escolléndose ademais da proposta gañadora un segundo e terceiro premios e accésits). O orzamento de construción do novo edifico, que estará situado ao carón da Escola Infantil do campus e terá 4347 metros cadrados reais de superficie, será de 6.866.866 euros máis IVE.

A sesión deste mércores contou tamén coa intervención de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, que fixo balance de todas as actividades feitas desde o último consello de campus en cultura, deportes, Campus Auga e actividade xerais da propia Vicerreitoría. Alén de repasar as accións en cada un deste eidos, o responsable académico fixo fincapé en destacar que “temos por diante un curso académico moi ilusionante porque, entre outras cousas, se cumpre 50 anos do campus de Ourense e esperamos celebralo como o merece a ocasión”.