DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto dende hoxe ata o 23 de febreiro e será de balde

A Área de Normalización Lingüística lanza seis cursos para mellorar a formación en lingua galega da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Lingua Galega
  • Académica
M. Del Río DUVI 05/02/2024

A modalidade de formación virtual chegou para quedarse e este segundo cuadrimestre os cursos de galego que oferta a Área de Normalización Lingüística serán todos a distancia. Nos vindeiros meses impartirase o tradicional curso de iniciación á lingua galega para estudantes de intercambio, o curso de calidade lingüística no TFG ou TFM, outro centrado nos erros máis frecuentes, un avanzado para persoas que xa teñen un nivel medio e outros especializados de linguaxe administrativa e xurídica e de escrita en internet. Para todos eles a inscrición é de balde e só para a comunidade universitaria, que poderá reservar unha praza entre o 5 e o 23 de febreiro.

Iniciación á lingua galega para estudantes internacionais

O catálogo de cursos da ANL inclúe, como vén sendo habitual, o curso de iniciación á lingua galega, pensado para estudantes de programas de intercambio, PAS e PDI da UVigo proveniente de fóra de Galicia. Con 40 horas de duración, a docencia impartirase en modalidade virtual síncrona entre o 5 de marzo e o 30 de abril e inclúe unha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego que dará paso a bloques temáticos concretos sobre, por exemplo, o léxico, os verbos, os adxectivos, os demostrativos, etc. Tamén se abordarán contidos relacionados coa gastronomía, a natureza, a climatoloxía ou as viaxes.

A calidade lingüística no teu TFG ou TFM

Coa vista posta en mellorar a formación do alumnado, ofértase o curso sobre a calidade lingüística nos traballos fin de grao e fin de mestrado, Con 30 horas de duración entre o 4 de marzo e o 2 de abril en modalidade virtual asíncrona, a finalidade é mellorar a calidade da lingua nos traballos de investigación, afondar nos parámetros de redacción académica e científica e fomentar o uso do galego nos traballos de investigación.

Avanza co galego

Para as persoas que xa posúen un nivel medio ou medio-alto de galego e queiran mellorar a calidade lingüística e aumentar a súa competencia comunicativa en lingua galega, impartirase o curso Avanza co galego, de 40 horas de duración. As clases terán lugar entre o 1 de abril e o 3 de maio en modalidade virtual asíncrona. Este programa permitirá ás persoas participantes ampliar o coñecemento da lingua galega nun sentido integral para empregalo na práctica comunicativa de maneira eficaz e, ao mesmo tempo, depurar os erros lingüísticos máis frecuentes na lingua galega para mellorar a competencia comunicativa. Ademais, aprenderán a empregar diferentes recursos lingüísticos que permitan unha mellora da práctica comunicativa e adquirirán unha competencia comunicativa en lingua galega de maior calidade. Os catro bloques temáticos abordarán contidos como a alimentación e as instrucións de uso, a educación e as novas tecnoloxías, o medio ambiente e as reclamacións ambientais e o medio urbano e as instancias ou solicitudes. 

Curso de linguaxe administrativa e xurídica

Un dos cursos máis especializados que oferta a Área de Normalización Lingüística é o de linguaxe administrativa e xurídica, que terá unha nova edición entre o 2 de abril e o 3 de maio cunha docencia de 40 horas en modalidade virtual asíncrona. Este curso quere achegar os recursos suficientes para poder redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun nivel de calidade que se corresponda co uso propio da lingua galega en ámbitos administrativos e xurídicos. Deste xeito, as persoas inscritas aprenderán a analizar os trazos máis significativos da linguaxe administrativa e xurídica e as principais dificultades que atopa no seu desenvolvemento e poderán conseguir un modelo de lingua de calidade, que corrixa as inercias e as dependencias do castelán. Para isto tamén se analizarán os erros máis frecuentes que se cometen na redacción de textos xurídicos e administrativos desde o punto de vista gramatical e coñecerán as claves para elaborar documentos eficaces e saber aplicar as convencións na estrutura de documentos.

Os erros máis frecuentes na lingua galega

Outro curso que non adoita faltar no catálogo da ANL é o que se centra nos erros máis frecuentes na lingua galega, que desta volta se impartirá entre o 5 de marzo e o 1 de abril, con 30 horas de formación virtual asíncrona. Destinado a persoas interesadas en repasar e mellorar os seus coñecementos lingüísticos, permitirá poñerse ao día coa ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo e corrixir os erros máis frecuentes nos escritos en lingua galega.

Escribir en internet

A listaxe de cursos para este cuadrimestre péchase cunha formación centrada na escrita para internet, cuxo obxectivo e que as persoas participantes aprender a focalizar os documentos para publicar na web, a reflexionar e traballar as características propias da elaboración dun texto destinado a ler en pantalla e a traballar as nocións de captar a atención de xeito rápido e manter unha correcta distribución, corrección e claridade. O curso, de 30 horas de duración, impartirase en modalidade virtual asíncrona entre o 4 de marzo e o 2 de abril. O programa permitirá repasar a ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo e corrixir os erros máis frecuentes nos escritos en lingua galega, tanto relacionados con cuestións gramaticais, como coa redacción e o estilo e o léxico.