DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun proxecto Erasmus+ financiado con 400.000 euros

Arranca en Vigo a creación dun catálogo dixital de cursos para centros de ensino superior

O traballo está liderado polo profesor da EET e investigador de atlanTTic Manuel Caeiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • ATHENA
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Académica
D. Besadío DUVI 07/02/2024

Socios de oito países participan esta semana en Vigo na reunión de lanzamento dun proxecto europeo que ten como principal obxectivo a creación dun catálogo dixital de cursos para centros de ensino superior, unha medida coa que se busca que os estudantes potenciais, sobre todo aqueles interesados en facer unha mobilidade, se poidan informar de xeito doado sobre os destinos posibles, os recursos dispoñibles e a oferta de programas e cursos de cada un destes centros. Así o explicou este mércores no edificio Redeiras o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Manuel Caeiro, líder do proxecto, ao inicio dunha xuntanza que contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, quen resaltou a importancia de incentivar todas as actividades que axuden a promover a mobilidade entre as universidades europeas, unha idea na que tamén fixo fincapé a directora de Área de Proxectos Internacionais Educativos, Eva Garea.

Bautizado como DACEM, Digitising Academic Catalogues for Enhanced Mobility, este proxecto foi aprobado na convocatoria de 2023 do programa Erasmus+ de Asociacións de Cooperación en Educación Superior e conta cun financiamento total de 400.000 euros, correspondéndolle á Universidade de Vigo a súa coordinación xeral. Entre os socios atópanse algunhas das universidades da rede ATHENA -Universidade de Maribor en Eslovenia e Universidade de Orleans en Francia-, así como a Universidade de Thessalias, en Grecia; Tallinn, en Estonia; Charles, na República Checa; a European University Foundation, de Luxemburgo; a European Students Network, con sede en Bélxica, e unha pequena empresa de Portugal vinculada co Politécnico de Porto (Virtual Campus).

Desde a UVigo participan no proxecto diferentes investigadores do grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos de atlanTTic, equipo especializado na prestación de servizos en distintas áreas de aplicación (e-goberno, e-learning, e-commerce, e-saúde, etc.), apoiados, neste caso, por persoal da Vicerreitoría de Internacionalización, dirixidos pola vicerreitora María Isabel Del Pozo.

En varios idiomas e con información constantemente actualizada

“Este é o primeiro proxecto Erasmus+ que estou coordinando, se ben con moitos de vós xa coincidín noutros traballos previos que saíron adiante con grande éxito, o mesmo que, agardo, aconteza con este”, salientou Caeiro, tras darlle a benvida a Vigo aos asistentes a un encontro “que será o primeiro de moitos de aquí a xullo de 2026”, data na que se dará por concluído o proxecto e para a que se agarda poder pór a disposición de todas as persoas interesadas un catálogo que se ofrecerá con código libre e dispoñible para o seu uso na nube.

Tal e como apunta o coordinador do proxecto, xa no ano 2015 se publicara a ECTS Users' Guide na que se indican os elementos que deberían incluírse nos catálogos que as universidades e outras institucións de educación superior publican da súa oferta educativa, pero,  pesar de ter pasado xa case 10 anos, “o certo é que a información dispoñible na maioría de universidades europeas aínda dista moito do que se indica neste documento e do que os estudantes precisan á hora de tomar decisións sobre onde estudar”, explica Caeiro. Nesta liña, o docente indicou que son moitos os problemas que xorden cando se abordan este tipo de sistemas, entre eles, o traballo que supón publicar e manter actualizada todos os datos requiridos, sen erros e en varios idiomas, a interoperabilidade con outras ferramentas que fan uso deses datos incluídos no catálogo, os acordos de aprendizaxe (learning agreements), ou a posibilidade de poder comparar as ofertas de distintas universidades e a compatibilidade entre os estudos de orixe e de destino.