DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os oito galardóns entregaranse o 17 de febreiro en Santiago

Case unha vintena de finalistas, na procura dos Premios Youtubeiras 2023 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
DUVI 17/01/2024

18 canles optan a facerse cos Premios Youtubeiras 2023 nalgunha das súas oito categorías: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e Premio do Público. Nesta edición dos galardóns, organizados polos servizos de Normalización Lingüística das tres universidades galegas, de nove concellos e da Deputación da Coruña, inscribíronse preto de 70 canles, mentres que 24 vídeos foron propostos pola audiencia dixital para o Premio do Público, un conxunto de propostas que en total suman 32.489 minutos de vídeos en galego no YouTube.

Seis finalistas aspiran a dous galardóns neste 2023: OU ké! (finalista en premio Canle e en premio Rede), Toxío (Canle e Vídeo), Recuncho Gamer (Youtubeira e Pioneiro), Fica coa bola (Pioneiro e Premio do Público), Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo) e Savia Nova (Revelación e Premio do Público). Pola súa banda, o premio Canle disputarase entre os xa citados Toxío e OU ké! xunto a Cinema Caníbal, mentres que o premio Youtubeira dirimirase entre Recuncho Gamer, Exército Mekemeke e Pingando. Ao galardón Revelación aspiran O Faiado Podcast, Savia Nova e Luis do Río Pena. Mentres, os finalistas na categoría de vídeo son Londres, de Malva; Derrubando Xigantes, de Toxío, e SEG, de Prado Rúa. No trío de finalistas en Calidade Lingüística atópanse Prado Rúa, Olaxonmario e Casa Gallinitas e a terna, no caso do galardón Pioneiro, está formada por Recuncho Gamer, Lilium e Fica coa bola. Ao premio Rede optan OU ké!; Alma da Vella Chousa e YouTube en galego. Por último, o Premio do Público decidirase entre as tres propostas máis votadas na comunidade dixital: Noticias Dispersas, Fica coa bola e Savia Nova.

A proposta gañadora en cada categoría recibirá 1000 euros, agás no caso do galardón decidido polo público, cuxa dotación económica é de 500 euros. En total, os Premios Youtubeiras repartirán 7500 euros.

Obxectivos e xurado 

Creados co obxectivo de fomentar a creación en galego no Youtube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, o premios entregaranse na súa edición do ano 2023, celebrada baixo o lema Rede aberta, Rede diversa!, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o vindeiro 17 de febreiro. 

O xurado que escolleu a terna de finalistas en cada categoría e decidirá as persoas gañadoras está conformado por Fátima Souto Muñiz, bolseira no Servizo de Normalización de Ames; Nee Barros, escritore, divulgadore cultural e activista baixo o nome de @neeumatiko, que recibiu en 2022 o premio de Youtubeira 2022; Irene Pin, xornalista e directora audiovisual; Belén Puime, directora e creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista e divulgador musical e Paula Souto, técnica de Normalización Lingüística de Moaña, que exerceu como secretaria con voz, pero sen voto.