DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo únese un ano máis a esta conmemoración europea

A celebración dos #ErasmusDays 2023 achega ao alumnado información sobre as oportunidades de mobilidade internacional

Ourense acolleu este luns as primeiras actividades que se realizarán esta semana nos tres campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 09/10/2023

A Vicerreitoría de Internacionalización e a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade de Vigo súmanse un ano máis á celebración europea dos #ErasmusDays 2023 coa organización de puntos de información móbil nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. A través desta iniciativa queren animar ao alumnado da UVigo a solicitar mobilidades internacionais o vindeiro curso académico e atender as súas dúbidas ao respecto.

A programación dos #ErasmusDays 2023 na UVigo arrancou este luns no campus de Ourense, onde o punto de información estivo nos edificios de Ferro e Xurídico-Empresarial ao longo da mañá, habendo ademais unha presentación na aula magna da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo a cargo da responsable da ORI, Amelia Rodríguez. Ruth Domínguez e Rebeca Cofán, da Oficina de Relacións Internacionais, foron as encargadas de atender o punto informativo, punto no que, indicaron, “aproveitamos para falar dos programas de mobilidade internacional, centrándonos nos Erasmus pero amosando tamén ao alumnado outras posibilidades que teñen de saír de Europa”. Segundo explicaron, a convocatoria para o alumnado da UVigo que queira ir o vindeiro curso académico estudar ao estranxeiro ao abeiro do programa Erasmus realizarase en outubro/novembro e as demais convocatorias de programas de mobilidade irán saíndo paulatinamente polo que é o momento de que o alumnado se informe e baralle opcións. Entre as consultas máis recorrentes no posto estiveron este  luns temas como as axudas económicas dispoñible e os requirimentos de idiomas.

A celebración dos #ErasmusDays 2023 continuará o martes no campus de Pontevedra, onde o punto informativo da UVigo estará na entrada primeiro da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (de 9.00 a 11.00 h) e posteriormente na da Facultade de Belas Artes (de 12.00 a 14.00 h). Por último, o mércores chegará ao campus de Vigo, onde o alumnado poderá informarse na entrada das facultades de Filoloxía e Tradución (de 9.00 a 11.00 h) e de Enxeñería Industrial (de 12.00 a 14.00 h).