DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición estará aberto dende mañá ata o día 31 e o concurso celebrarase o 19 de abril

A Competición de Robots da EE Industrial regresará en abril cargada de novidades e cun kit renovado

En dúas categorías, estudantes de ESO, Bacharelato, FP e graos deben montar e programar os autómatas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/01/2024

Tras a grande acollida da pasada edición, que en abril de 2023 puxo fin a tres anos de parón de pola pandemia, a Competición de Robots que organiza a Escola de Enxeñería Industrial regresará ao campus de Vigo o vindeiro 19 de abril con varias novidades que farán máis atractivo o concurso, entre elas a estrea de novos tapices para as probas e un kit mellorado para montaxe dos autómatas. 

O prazo de inscrición abre mañá martes, 15 de xaneiro, e os equipos interesados en participar poderán realizar a matrícula ata o vindeiro día 31. Como en anos anteriores, a competición dividirase en dúas categorías, BE-Robot para estudantes de ESO e bacharelato e DeMO-Robot para alumnado de ensino superior, tanto ciclos de formación profesional como de graos universitarios. En cada unha delas, e partindo dun kit básico, os equipos deberán montar e programar un robot móbil co que participarán nunha serie de probas e retos. A finalidade deste evento, que no curso pasado reuniu máis de 600 mozos e mozas das catro provincias galegas, é que as e os participantes se familiaricen de forma simple, práctica e divertida coa robótica. Ao tempo, búscase achegar a Universidade ao alumnado do ensino pre-universitario e dar a coñecer as titulacións que se imparten na Escola de Enxeñería Industrial, fomentando o interese do estudantado polas disciplinas STEM, especialmente co eido da enxeñaría. Ademais, coa categoría para estudantes de ciclos e graos, búscase potenciar a autoaprendizaxe no deseño, construción e programación de robots autónomos, á vez que se estimula e atrae o talento ante os novos retos da industria do futuro. 

Sobre as novidades desta edición, o director da EEI, Juan Pardo, destaca o feito de poder contar cun kit mellorado, o mBot 2, “un robot educativo de última xeración impulsado por CyberPi, un microcontrolador educativo mellorado con capacidades de conexión en rede, sensores integrados, etc.” Por outra banda, o feito de contar con novos tapices para as probas “implicará tamén modificacións nos percorridos e obstáculos, aínda que os nomes e plantexamento das probas sexan os mesmos”. Por exemplo, na categoría DEMO_Robot a proba de rastrexo, que antes tiña un trazado como o de Montmeló, agora terá un circuíto 'propio', mentres que o labirinto desta edición será diferente, aínda que coa mesma filosofía”.

Categoría BE-Robot

Nesta categoría poderá participar o alumnado matriculado durante este curso na ensinanza secundaria e bacharelato divididos en equipos de entre catro e seis membros, coordinados por un profesor titor. A competición comprende dúas probas, Sigue-línea ‘marchoso’ e Velódromo ‘mareante’. Na primeira os robots deberán dar unha volta completa ao circuíto o máis rápido posible evitando todos os obstáculos, mentres que na segunda terán que completar un número de voltas no menor tempo posible a un recinto circular.

Categoría DeMO-Robot

Para o alumnado matriculado durante este curso en calquera titulación superior, tanto ciclos de como titulacións universitarias a organización deseñou a categoría DeMO-Robot. Nela, equipos de ata seis membros ou ben participantes individuais deberán completar catro probas, tres delas individuais (rastrexo, labirinto e triple ‘penalti’ con isleta, e unha colectiva, o tradicional combate de sumo entre robots. 

Matrícula, prazos e prezos

Os equipos que desexen participar na competición deberán inscribirse seguindo os pasos que se indican na páxina web da Escola de Enxeñería Industrial entre o 15 e o 31 deste mes. As prazas están limitadas a 156 equipos (13 tapices e 12 equipos por tapiz) na categoría BE_Robot e serán asignadas por orde de inscripción, admitíndose un máximo de seis equipos por centro.

O prezo da inscrición, tanto na categoría BE-Robot como DeMO Robot, é de 65 euros para aqueles equipos que precisen o kit para construír o robot e de 10 euros para os que non precisen adquirir un kit, por exemplo, por teren participado previamente neste concurso.

A competición desenvolverase na Escola de Enxeñería Industrial, no campus de Vigo, o día 19 de abril, a partir das 10.30 horas. Os tres primeiros equipos clasificados en cada unhas das dúas categorías recibirán un premio, así como os robots máis orixinais. Para poder participar neste premio, os equipos deberán enviar un pequeno vídeo onde se presente o equipo e se amosará o deseño do autómata á dirección eei.robots@uvigo.es antes do 31 de marzo.