DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizado pola Orquesta Clásica de Vigo, terá lugar o mércores 13 de decembro

O Concerto de Nadal da Universidade retorna a Pontevedra

Con entrada de balde, os convites poden solicitarse a través de Campus Activo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 28/11/2023

O mércores 13 de decembro, o Pazo da Cultura será escenario do Concerto de Nadal que a Universidade de Vigo promove cada ano nestas datas e que retorna a Pontevedra neste 2023. A Orquesta Clásica de Vigo, baixo a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava, e o pianista Severino Manuel Ortiz como solista serán os protagonistas dunha actuación que conta con entrada de balde, previa retirada un convite a través da plataforma Campus Activo

Promovido pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, coa colaboración do Concello de Pontevedra, o tradicional concerto co que a UVigo dá cada ano á benvida a estas festas tivera lugar en Pontevedra en 2019 e ao ano seguinte a covid-19 obrigou a convertelo en virtual. Tras celebrarse os dous últimos anos en Ourense e Vigo, esta cita retorna a Pontevedra, no marco do convenio entre a UVigo e a Orquesta Clásica de Vigo. Programado para as 20.30 horas, desde este martes e ata o 11 de decembro, as e os integrantes da comunidade universitaria poden solicitar dúas invitacións por persoa. Así mesmo, tamén teñen a posibilidade, condicionada a que se efectúe un número mínimo de reservas, de asistir en autobús desde Vigo e Ourense.

Unha formación que aposta pola innovación

Nacida en 1984, a Orquesta Clásica de Vigo é a formación máis antiga de Galicia, mais a súa traxectoria vén marcada tamén desde os seus inicios pola súa aposta pola formación e pola innovación nos formatos. Ao longo destas preto de catro décadas, por esta formación pasaron máis de 300 músicos, que en moitos dos casos, como destacan, son hoxe “artistas de primeiro nivel en orquestras nacionais e internacionais”. Desde a súa creación, ten como director a Manuel Martínez Álvarez-Nava, catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo, quen cursou estudos de violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias e de dirección de orquestra co mestre Jaques Bodmer.

Neste Concerto de Nadal, presentará un programa conformado polo Concerto para piano e orquestra en re menor núm. 20 KV466, de Wolfgan Amadeus Mozart; a Marcha fúnebre dunha marioneta, de Charles Gounod; a Jota de los barquilleros «Agua, azucarillos y aguardiente», de Federico Chueca; e Pizzicato-Polka op. 234 e Schatz-Walzer, op. 418, de Johann Strauss. 

A orquestra estará acompañada polo pianista pontevedrés Severino Manuel Ortiz, titulado superior de Piano e Música de Cámara polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, que completou a súa formación na Academia Superior de Música e Artes Escénicas de Praga. Ortiz Rey ten colaborado como solista coas orquestras Vigo 430, Clásica de Vigo e Filharmónica de Pontevedra, e, como músico de cámara, con solistas como Rusanda Panfili, Lir Vaginsky, Lea Hennino, Cristina Goicea e Sindy Mohamed. Así mesmo, na súa traxectoria destaca tamén o dúo que forma desde hai vinte anos co tenor José Antonio Campo e os proxectos realizados co violinista Mario Peris e o clarinetista Roberto Noite.